A guerra en Ucraína, en directo, este 6 de abril

Sigue a última hora con toda a información actualizada sobre a guerra en Ucraína, minuto a minuto. 
Foguete sen estoupar nas rúas tras un suposto atentado ruso na cidade sureña de Mykolaiv. (Foto: Vincenzo Circosta). Veciños de Slovansk na estación de tren planean marchar despois de que o goberno ucraíno ordenase a evacuación. (Foto: Seth Sidney Berry). Un home diante dun tanque ruso e dunha casa danada na localidade de Bucha. (Foto: Daniel Ceng Shou-Yi).
photo_camera Foguete sen estoupar nas rúas tras un suposto atentado ruso na cidade sureña de Mykolaiv. (Foto: Vincenzo Circosta). Veciños de Slovansk na estación de tren planean marchar despois de que o goberno ucraíno ordenase a evacuación. (Foto: Seth Sidney Berry). Un home diante dun tanque ruso e dunha casa danada na localidade de Bucha. (Foto: Daniel Ceng Shou-Yi).

🔴 [EN DIRECTO]

 Actualizar

19.29 | Os ucraínos que combatan na guerra serán excluídos das listas de persoas corruptas

O diario The Kyiv Independient recolle a decisión da Axencia Nacional de Prevención da Corrupción en Ucraína de excluír da lista de persoas corruptas aqueles ucraínos que combatan contra o exército ruso. Segundo o organismo, a maioría de persoas que están nesta lista é debido a infraccións leves, como a presentación tardía da declaración patrimonial.

18.26 | A OTAN afirma que a guerra de Ucraína "pode durar anos"

O secretario xeral da Organización sobre o Tratado do Atlántico Norte (OTAN), Jens Stoltenberg, afirmou nesta cuarta feira que a guerra de Ucraína "pode durar anos".

Segundo Stoltenberg, e a pesar de que o presidente de Rusia, Vladimir Putin, ordenou a retirada das tropas rusas para "centrarse" na zona do Donbás, a OTAN non conta con indicios que demostren que o Goberno ruso non pretende ocupar nalgún momento "toda Ucraína".

17.19 | EUA sancionará os familiares de Vladimir Putin e Segej Lavrov

O presidente dos Estado Unidos (EUA), Joe Biden, adiantou que o seu Goberno sancionará as dúas fillas do presidente de Rusia, Vladimir Putin, e a muller e a filla do seu ministro de Asuntos Exteriores, Segej Lavrov.

16.31 | Hungría intenta posicionarse e ofrece Budapest para un encontro Zelenski-Putin

O presidente ultradereitista de Hungría, Viktor Orban, mantivo unha conversa telefónica co seu homólogo ruso, Vladimir Putin, na que ofreceu a capital do país, Budapest, para acoller un encontro entre o dirixente ruso e o presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, que pare definitivamente a guerra.

Asemade, Orban instou a que o chanceler alemán, Olaf Scholz, e o presidente da República francesa, Emmanuel Macron, estean presentes durante ese econtro.

15.17 | O Goberno de China pide aos EUA que deixen de aumentar o conflito con accións "coercitivas" contra Rusia

O portavoz do Ministerio de Asuntos Exteriores de China, Zhao Lijian, pediu nesta cuarta feira aos Estados Unidos (EUA) que deixe de aplicar sancións e accións "coercitivas" contra Rusia para evitar a escalada do conflito en Ucraína.

Nunhas declaracións recolidas por Russia Today, Lijian chamou os EUA a "deixar botar máis leña ao lume", porqye "tanto a historia como a realidade demostraron que as sancións non poden proporcionar paz e seguridade".

12.29 | O embaixador ruso di que o masacre de Bucha é unha "montaxe"

O embaixador da Federación de Rusia en España, Yuri Korchagin, asegurou que a matanza de civís na cidade ucraína de Bucha, situada aos arredores de Kíiv, é unha "montaxe" que busca desprestixiar o Exército ruso e reclamou unha investigación independente para esclarecer o ocorrido tras a saída das tropas rusas.

12.13 | A UE apunta a sancións ao petróleo tras vetar o carbón ruso

Esta decisión de aplicar sancións contra o sector enerxético respondería ao masacre de Bucha. A Unión Europea apuntou medidas contra o petróleo ruso despois de propoñer un embargo ao carbón.

As sancións ao petróleo e ao gas "serán necesarias tarde ou cedo" para romper coa dependencia de combustibles fósiles de Rusia, afirmou o presidente do Parlamento Europeo Charles Michel.

11.58 | A ONU confirma case 1.500 civís mortos e máis de 2.000 feridos desde o inicio da invasión

O Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos rexistra, desde o inicio da guerra, 1.480 civís mortos e 2.195 feridos, o que supón un total de 3.675 vítimas.

Entre os falecidos hai 321 homes, 211 mulleres e 61 crianzas, ademais de 815 adultos aínda sen identificar.

Así mesmo, informa de 253 homes, 194 mulleres e centos de menores feridos, así como 1.565 adultos pendentes de identificar.

09.55 | O Kremlin cualifica a expulsión de diplomáticos rusos por parte da UE como un "paso miope"

"Reducir as posibilidades de comunicación diplomática, en condicións tan difíciles e de crise sen precedentes, é un paso miope que, en primeiro lugar, complicará aínda máis nosa comunicación, que é necesaria para a procura dun arranxo, e inevitabelmente conducirá a pasos recíprocos", sinalou o portavoz do Kremlin Dimitri Peskov, segundo recolle a axencia de noticias TASS.

A expulsión de varios diplomáticos rusos por parte da Unión Europea, é unha decisión que acompaña un novo paquete de medidas para frear a "maquinaria de guerra" do presidente ruso, Vladimir Putin.

09.32 | EUA proverá Ucraína de asistencia militar adicional

O secretario de Estado de Estados Unidos, Antony Blinken, anunciou que Washington destinará 100 millóns de dólares en axuda militar adicional a Kíiv, que incluirá sistemas antiblindaxe.

Blinken precisou que, desde o inicio do mandato de Joe Biden, EUA xa asignou máis de 2.400 millóns de dólares en "asistencia á seguridade" de Ucraína, incluídos os máis de 1.700 millóns de dólares outorgados tras o comezo do operativo militar ruso, informa Russia Today.

09.24 | Máis de 90% dos ucraínos apoia a adhesión á Unión Europea

Segundo unha enquisa do grupo sociolóxico Rating, a finais de marzo, 91% da poboación ucraína apoiaría unha posíbel adhesión de Ucraína á Unión Europea.

O apoio ao ingreso na UE subiu de 68%, a finais de febreiro, até 91% actual. A maioría dos enquisados (56%) considera que Ucraína será membro da UE en menos de dous anos, mentres que o 23% apunta un proceso máis longo e cre que o país ingresará no grupo europeo en cinco anos.

Comentarios