Que sabemos do acontecido en Bucha?

O medio de comunicación ucraíno Ukrayinska Pravda publicou que máis de 300 persoas foron atopadas mortas nas rúas da cidade ucraína de Bucha. As versións dos contendentes no conflito sobre o acontecido coas persoas mortas en Bucha son antagónicas. Nós Diario analiza os argumentos que esgrime cada parte.
Soldados ucraínos camiñan pola cidade de Bucha. (Foto: Matthew Hatcher / Sopa Images via / Dpa)
photo_camera Soldados ucraínos camiñan pola cidade de Bucha. (Foto: Matthew Hatcher / Sopa Images via / Dpa)

Segundo as informacións facilitadas polo diario ucraíno Ukrayinska Pravda, que cita servizos funerarios de Bucha, foron achados entre 330 e 340 cadáveres na localidade, algúns deles coas mans atadas ás costas e con feridas de bala na cabeza. 

Porén, o Ministerio de Defensa de Rusia cualificou de "provocación" as imaxes obtidas na localidade ucraína de Bucha, situada nas inmediacións de Kiev, que mostran cadáveres de civís nas rúas, e unha mera "escenificación" das autoridades ucraínas "para os medios de comunicación occidentais".

Todos os militares rusos abandonaron a localidade o 30 de marzo, defenden desde o ministerio ruso, mentres que as "probas de crimes" presuntamente cometidos por eles apareceron catro días despois da súa retirada, sinalan. 

"Mentres esta localidade estaba baixo control das Forzas Armadas rusas, ningún residente local foi vítima de accións violentas", subliñaron, á vez que agregaron que os militares rusos entregaron á poboación civil da rexión de Kiev 452 toneladas de axuda humanitaria.  

O ministerio tamén explicou que, cando todos os militares rusos abandonaron Bucha, un día despois da rolda de negociacións de paz entre Ucraína e Rusia en Turquía, o propio alcalde da localidade, Anatoli Fedoruk, non só confirmou nunha mensaxe por vídeo o 31 de marzo que na urbe non quedaban militares rusos, senón que "nin sequera fixo mención algunha sobre residentes locais coas mans atadas, fusilados nas rúas".

Pola contra, o asesor da oficina do presidente de Ucraína, Mijaíl Podoliak, declarou que os civís "estaban desarmados", "non representaban ningunha ameaza" e "foron matados a tiros polos soldados rusos". Ademais, o ministro de Defensa de Ucraína, Oleksi Reznikov, acusou onte tropas rusas de actuar como as "SS nazis" en Bucha.

Sobre estes feitos, a experta en teoría das Relacións Internacionais e Seguridade, Isabela Gama, afirmou que "moitas pezas non encaixan". "Por que os militares rusos deixarían corpos de vítimas de tortura á vista de todos nun escenario que non está nin un pouco favorábel a Rusia? E non ten sentido que iso se fixera público hoxe (sábado), e que ninguén o tivera visto antes (os corpos nas rúas)", avaliou.

Rusia solicita o Consello de Seguridade da ONU

Rusia solicitou para a segunda feira unha reunión do Consello de Seguridade da ONU sobre "as provocacións flagrantes de radicais ucraínos" en Bucha. O representante permanente adxunto de Rusia ante a ONU, Dmitri Polianski, advertiu que Moscova planea "desenmascarar os provocadores ucraínos e os seus protectores occidentais". 

Porén, a portavoz do Ministerio de Asuntos Exteriores ruso, María Zajárova, sinalou que "a presidencia británica do Consello de Seguridade da ONU non aceptou que decorrese unha reunión do Consello de Seguridade sobre a situación en Bucha". 

Zajárova afirmou que a publicación sobre Bucha podería estar destinada a "desviar a atención" dos laboratorios biolóxicos estadounidenses en Ucraína, "frustrar as negociacións de paz e escalar a violencia". 

Máis duro incluso foi o embaixador ruso nos Estados Unidos de América (EUA), Anatoli Antónov, quen expresou que "está claro que o réxime de Kiev trata de incriminar a Rusia polas súas propias atrocidades". "Mentres, nos EUA, ocúltase deliberadamente o feito de que xusto despois da retirada das tropas rusas a localidade de Bucha sufriu un ataque de artillería por parte das Forzas Armadas de Ucraína", sinalou o diplomático. "Precisamente isto puido levar a vítimas entre os civís. Deste modo, está claro que o réxime de Kiev trata de incriminar a Rusia polas súas propias atrocidades", expresou.

Novas sancións a Rusia

Os EUA, a Unión Europea (UE) e Reino Unido adiantaron que preparan novas sancións contra Rusia en resposta a estas accións consideradas por Ucraína como un "xenocidio". Pola súa banda, o secretario xeral da ONU, mostrou a súa "conmoción" e pediu unha investigación independente sobre o ocorrido.

O Alto Representante da UE para Política Exterior, Josep Borrell, expresou nunha declaración a súa repulsa e asegurou que estes feitos "quedarán rexistrados na lista de atrocidades cometidas en solo europeo". Borrell declarou que a UE seguirá apoiando a Ucraína e avanzará "con urxencia" os traballos para impor máis sancións contra Rusia despois do acontecido na cidade de Bucha.

Hai semanas que os Estados da UE teñen sobre a mesa a opción dun quinto paquete de sancións que sirva para avanzar nas medidas de anteriores roldas e estender restricións xa aplicadas como desconectar máis bancos rusos do sistema de conexión de transferencias Swift.

O presidente francés, Emmanuel Macron, defendeu onte que é momento de novas e "moi claras" sancións, tamén no ámbito da enerxía. "Agora, é momento de coordinarnos cos nosos socios, en especial Alemaña", sinalou Macron. 

Nunha declaración o pasado domingo, o chanceler alemán, Olaf Scholz, anunciou a coordinación de "novas medidas contra Putin e os seus seguidores" e máis armas para Ucraína.

Comentarios