Moscova e Beijing afianzan a súa relación

O ministro de Exteriores ruso informou o seu homólogo chinés sobre o "progreso da operación militar especial" e o estado das negociacións con Kíiv. Ademais, ambos volveron incidir na "natureza contraproducente das sancións unilaterais ilegais" de Occidente e acordaron fortalecer a súa vinculación.
Wang-Yi-Lavrov-Russia-China
photo_camera Os ministros de Exteriores de Rusia e da China, Sergei Lavrov e Wang Yi, onte en Tunxi, na provincia oriental chinesa de Anhui (Foto: Goberno chinés)

O ministro de Exteriores de Rusia, Sergei Lavrov, chegou na cuarta feira á China na primeira visita ao xigante asiático desde o inicio da invasión de Ucraína. Unha viaxe na que mantivo unha reunión co seu homólogo chinés, Wang Yi, antes dunha conferencia multilateral sobre o Afganistán.

"Estou convencido de que ao final desta etapa, a situación internacional será moito máis clara. E que nós, xunto con vostedes e os nosos partidarios, avanzaremos cara a unha orde mundial multipolar, xusta e democrática", manifestou Lavrov, nunha nova xornada de bombardeos rusos sobre Ucraína, concretamente contra Chernigov, malia as promesas de contención.

As relacións entre Rusia e a China estreitáronse nos últimos anos, unidas polo enfrontamento común con Estados Unidos. A visita do presidente ruso, Vladimir Putin, ao seu homólogo chinés, Xi Jinping, a principios de febreiro serviu para afianzar esa amizade "sen límites" e para criticar a expansión da OTAN.

Beijing busca manterse neutral na guerra que Rusia lanzou contra Ucraína: por un lado defende a soberanía territorial do país agredido, pola outra négase a condenar a ofensiva bélica, que como Moscova cualifica de "operación militar especial".

Asociación estratéxica

Segundo un comunicado posterior do ministerio ruso, Lavrov informou a Wang sobre o "progreso da operación militar especial" e o estado das negociacións con Kíiv. Ademais, ambos volveron incidir na "natureza contraproducente das sancións unilaterais ilegais" impostas por Washington e os seus aliados e acordaron fortalecer a súa asociación estratéxica.

Pola súa parte, Wang sinalou que as relacións bilaterais resistiron as últimas turbulencias internacionais e que existe a vontade mutua de desenvolver os seus lazos. Palabras referendadas polo portavoz de Exteriores, Wang Wenbin, quen salientou ante a prensa que "non hai límite" para a cooperación entre ambos os dous países, así como "para os nosos esforzos para lograr a paz, salvagardar a seguridade e oporse á hexemonía".

Intensa diplomacia 

O encontro produciuse en Tunxi, na provincia oriental chinesa de Anhui, onde o Goberno chinés acolle desde onte até hoxe dúas xuntanzas paralelas sobre o Afganistán. A primeira reúne os ministros de Exteriores dos países limítrofes (China, Paquistán, Irán, Taxiquistán, Turkmenistán e Usbequistán) ademais de Lavrov e do xefe da diplomacia talibán, Amir Khan Muttaqi.

Tamén se desenvolve unha reunión da chamada "Troika estendida" (China, Rusia e EUA mais o Paquistán). Wang visitou Kabul a semana pasada, na primeira de alto nivel desde que os talibán retomaron o poder en agosto. E hoxe Lavrov viaxará á India, coincidindo coa visita dun alto representante da Casa Branca ao país, que até agora se mantivo neutral na guerra de Ucraína. 

Ademais, mañá tamén se desenvolverá por videoconferencia a cimeira China-Unión Europea, que reunirá o presidente do Consello Europeo, Charles Michel, e a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, con Xi e co seu primeiro ministro, Li Keqiang. O tema principal: a guerra de Ucraína. 

Comentarios