Biden chega a Tel Aviv após suspendérenlle a reunión en Xordania e exculpa Israel do bombardeo ao hospital palestino

"O mundo está a observar. Israel ten un conxunto de valores, como Estados Unidos e outras democracias", afirmou Biden, "moi feliz" por unha visita que chega precedida das que xa realizaron previamente os seus secretarios de Estado e de Defensa.

O presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, deu por válida a versión de Israel sobre o ataque que deixou perto de 500 mortes nun hospital da Faixa de Gaza, sinalando que polos datos dos que se dispón actualmente "parece que o fixo o outro bando".

Biden realizou unhas breves declaracións ante os medios antes de reunirse co primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, ante quen se mostrou "apenado" e "indignado" pola destrución do hospital, da que Israel culpou a “Yihad”.

"Segundo o que vin, parece que o fixo o outro bando, non vós", dixo, para acto seguido admitir que "hai moita xente por aí que non está segura" do que ocorreu. O mandatario norteamericano chamou a axudar a poboación "inocente" que se quedou "en metade" do conflito entre as forzas israelís e as milicias palestinas. "Hamás non representa todos os palestinos", declarou.

"O mundo está a observar. Israel ten un conxunto de valores, como Estados Unidos e outras democracias", afirmou Biden, "moi feliz" por unha visita que chega precedida das que xa realizaron previamente os seus secretarios de Estado e de Defensa.

Israel agradece os EUA

Netanyahu quixo agradecer a Biden o seu "inquebrantábel apoio" nestes "momentos complicados" e salientou que se trata de "a primeira visita dun presidente estadounidense en tempos de guerra". "Valoramos o compromiso para proporcionarnos as ferramentas que necesitamos para defendernos", engadiu.

Netanyahu pediu que "igual que o mundo civilizado se uniu para derrotar aos nazis e a Estado Islámico", faga tamén unha "fronte común fronte a Hamás".

Comentarios