Gráficos

As cifras da barbarie contextualizadas: máis de 3.400 palestinos mortos nunha semana e media, os mesmos que en dez anos

En todo o século XXI non houbo ningunha cifra semellante á que rexistra o contador do presente ano, e hai que remontarse a 2014 para ver unha que se lle achegue: 2.272 vítimas mortais. Desde o ano 2000 e até setembro de 2023 foran asasinados 10.667 palestinos, por volta de 1.330 israelitas, dos que un terzo eran militares e un total de 881, civís.
Cada 15 minutos morre un menor en Gaza desde o pasado 7 de outubro, alerta a ONG Save The Children. (Foto: Mohammad Abu Elsebah / DPA via Europa Press)
photo_camera Cada 15 minutos morre un menor en Gaza desde o pasado 7 de outubro, alerta a ONG Save The Children. (Foto: Mohammad Abu Elsebah / DPA via Europa Press)

Un mínimo de 500 persoas morreron, segundo as primeiras estimacións das autoridades palestinas na Faixa de Gaza, por mor do impacto dun mísil sobre un hospital que atribuíron ás Forzas Aéreas de Israel. Un ataque que, sumado aos que se produciron ao longo desta cuarta feira, eleva a 3.478 o número de vítimas mortais só en Gaza desde o sábado 7 de outubro, ás que se sumarían as 63 en Cisxordania —hoxe mesmo notificouse o asasinato de dous mozos palestinos en Ramallah a disparos de militares israelitas.

Antes do estoupido desta nova escalada bélica hai apenas unha semana e media, porén, outros 225 cidadáns e cidadás palestinas morreran a mans do Exército ou civís de Israel desde xaneiro de 2023, o que sitúa a conta total no que vai de ano por riba das 3.760 vítimas mortais. E, do lado israelita, o número de mortes no que vai de ano ascende a máis de 1.400, das que a inmensa maioría, todas agás 28, corresponden aos acontecementos dos últimos días. Deses 28, 26 eran civís e os dous restantes, militares.

Son datos do B'Tselem, o Centro de Información Israelita para os Dereitos Humanos nos Territorios Ocupados, unha ONG que desde hai anos recolle as cifras do conflito co obxectivo de pór de manifesto a violencia exercida contra a poboación palestina. Con base nesta mesma estatística, en só 12 días morreron practicamente o mesmo número de palestinos que na última década, desde xaneiro de 2013 até setembro de 2023.

En todo o século XXI non houbo ningunha cifra semellante á que rexistra o contador do presente ano, e hai que remontarse a 2014 para ver unha que se lle achegue: 2.272 vítimas mortais. Por parte do bando israelita tampouco houbera tantos mortos como nos últimos días e —segundo cifras das autoridades de Israel— son, de feito, máis que todas as rexistradas no que vai de século.

Entre o ano 2000 e o 2023 —até setembro de 2023, antes do estoupido dos últimos acontecementos—, por cada israelita morto foron asasinados dez palestinos. Neste período o B'Tselem contabiliza 10.667 palestinos e palestinas falecidas por volta de 1.330 israelitas, dos que, aliás, non todos eran civís: foron 881, e os 449 restantes, militares. Máis de 2.200 mortos palestinos eran menores de idade, por volta de 145 israelitas —até setembro—. Sumando as cifras dos últimos días, o cómputo elevaríase a unhas 14.000 vítimas mortais palestinas e 2.700 israelitas.

A Faixa de Gaza concentra tres cuartas partes dos falecidos, un total de 7.783, e Cisxordania outras 2.736 vítimas. As 132 palestinas e palestinos restantes asasinados a mans das forzas israelitas morreron en territorio de Israel. A ONG Save The Children vén de alertar de que desde o pasado 7 de outubro morreron máis de 1.000 crianzas en Gaza, o que se traduce na morte dun menor cada 15 minutos.

A inmensa maioría (10.555) de vítimas mortais palestinas no presente século foron a mans de ataques do Exército israelita, mais esta ONG contabiliza 96 asasinatos a mans de colonos, a gran maioría (83) en cidades de Cisxordania. Outros 16 crimes non se esclareceron e descoñécese se a autoría foi civil ou militar.

Comentarios