'Al Jazeera' denuncia o asasinato de Abu Akleh a mans de Israel na Corte Penal Internacional

O principal medio de comunicación árabe, Al Jazeera, presenta unha investigación á Xustiza internacional para que leve a xuízo o Exército de Israel polo asasinato en maio de Abu Akleh, unha das figuras xornalísticas máis relevantes na zona e unha referencia para as mulleres nos medios árabes.
Funeral da xornalista de 'Al Jazeera' Shireen Abu Akleh polas rúas de Xerusalén o 13 de maio de 2022. (Foto: Ilia Yefimovich / dpa)
photo_camera Funeral da xornalista de 'Al Jazeera' Shireen Abu Akleh polas rúas de Xerusalén o 13 de maio de 2022. (Foto: Ilia Yefimovich / dpa)

Após unha investigación de seis meses na que axunta todas as probas dispoñíbeis de testemuñas presenciais e documentos audiovisuais, a qatarí Al Jazeera Media Network presentou a terza feira unha denuncia formal na Corte Penal Internacional (CPI) para exixir que se xulgue aos responsábeis militares israelís que asasinaron o 11 de maio a xornalista palestina-estadounidense Shireen Abu Akleh.

Esta solicitude, que chega despois de que a familia presentara en setembro unha demanda perante a CPI, busca incluírse dentro da investigación do tribunal sobre os crimes israelís no territorio palestino ocupado, despois de determinar o órgano en 2021 que ten xurisdición nesa demarcación.

A cadea, que considerou os feitos como un “asasinato flagrante e un crime atroz”, lanzou esta denuncia “posto que as autoridades israelís non fixeron nada para investigar o caso, de feito, dixeron que non investigarán por mor de que non hai sospeitas dun crime”, explicou Rodney Dixon, avogado de Al Jazeera.

Nese sentido, Dixon alertou de que o ataque contra Abu Akleh enmárcase "no contexto dun ataque máis amplo contra o medio e os xornalistas en Palestina", subliñando que é "un asasinato que forma parte dun patrón que a Fiscalía debería investigar". En 2021, a oficina de Al Jazeera en Gaza foi bombardeada pola aviación israelí.

Persecución

Desde 2000, cando menos 34 xornalistas morreron a mans de Israel en Palestina, sostén Reporteiros Sen Fronteiras, mentres que os cálculos da cadea árabe falan de pouco menos de 60 profesionais asasinados.

O Centro Palestino para a Liberdade e o Desenvolvemento, MADA, documentou en 2021 máis de 368 violacións contra os xornalistas no desenvolvemento do seu traballo, que inclúen o homicidio de tres periodistas en Gaza. Amais, arredor dunha vintena de comunicadores palestinos permanecen en prisións israelís.

A organización destaca que os constantes ataques de Israel contra a prensa procuran “ocultar os crimes diarios da ocupación contra o pobo palestino e que a información non chegue á opinión pública mundial”, facendo fincapé en que a impunidade deses crimes alenta os militares a continuar delinquindo.

O Exército de Israel recoñeceu ao ser preguntado sobre as investigación de xornalistas asasinados despois de 2000 que ningún militar foi xulgado. O primeiro ministro saínte, Yair Lapid, insistiu onte en que non se cuestionará o traballo das Forzas de Defensa de Israel, así como que “ninguén interrogará os soldados israelís e ninguén nos predicará sobre a moral dos combates, certamente non Al Jazeera”.

Asasinato deliberado

O 11 de maio, Abu Akleh e outros xornalistas estaban en Xinín (Palestina), con cascos protectores e chalecos antibalas que os identificaban claramente como prensa, camiñando nunha estrada á vista das tropas israelís.

De súpeto, escoitáronse disparos e a profesional recibiu un tiro na cabeza cando trataba de protexerse detrás dunha alfarrobeira, relata a investigación do medio, que, sinala, “confirma sen ningunha dúbida que non houbo ningún tiroteo na zona, salvo que as Forzas de Ocupación de Israel dispararon directamente contra ela”.

Malia que nun primeiro intre Tel Aviv atribuíu o homicidio a un suposto ataque palestino, en setembro asumiu que cunha “alta probabilidade” fora un disparo “accidental” dalgún soldado israelí, pero reiterando que non se produciría unha investigación criminal, todo isto despois de que pescudas como as efectuadas pola Organización das Nacións Unidas apoiara as conclusións de Al Jazeera, a Autoridade Nacional Palestina, o Sindicato de Prensa palestino ou a Federación Internacional de Xornalistas, que acusan Israel.

Á vez, a familia da periodista premeu as autoridades dos Estados Unidos para que investigasen a morte e deixasen de protexer os crimes israelís, con apelacións ao presidente Joe Biden, conseguindo que en novembro a Axencia Federal de Investigación (FBI) collera o caso.

Comentarios