Ana Miranda exixe a dimisión de Von der Leyen: "Como pode dar leccións de ética se tomou partido en lugar de mediar pola paz?"

"Non queremos máis mortes de ningunha nacionalidade", recalca a eurodeputada do BNG no pleno en Estrasburgo sobre a guerra entre Israel e Palestina. Miranda acusa a presidenta da Comisión Europea de ser "cómplice" do "xenocidio e limpeza étnica" das forzas israelitas sobre Gaza.
As deputadas Ana Miranda (BNG) e Diana Riba (ERC) alzan a pomba da paz no Parlamento Europeo. [Foto: Nós Diario]
photo_camera As deputadas Ana Miranda (BNG) e Diana Riba (ERC) alzan a pomba da paz no Parlamento Europeo. [Foto: Nós Diario]

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, reclamou esta cuarta feira no pleno da Eurocámara a dimisión da presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, por "non exercer a mediación e a neutralidade" para "acadar a paz" en Palestina. Unha postura que, dixo, corresponde ao seu cargo. Tamén a sinalou como "cómplice" do "xenocidio e limpeza étnica que Israel está levando a cabo" na Faixa de Gaza. "Non queremos máis mortes de ningunha nacionalidade", recalcou a nacionalista galega.

"Europa está en silencio cara a Gaza, preocúpase máis de izar a bandeira de Israel en Bruxelas ou de visitar a [Benjamin] Netanyahu que de denunciar o cruel e implacábel castigo sobre a poboación de Gaza, e por iso debería dimitir", manifestou a eurodeputada do Bloque no debate que esta mañá decorreu no Parlamento Europeo baixo o título 'Os atentados terroristas de Hamás en Israel, o dereito de Israel a defenderse de conformidade co Dereito humanitario e internacional e a situación humanitaria en Gaza'.

Na súa intervención, Ana Miranda, que é integrante das Delegacións de Relacións con Palestina e con Israel do Parlamento Europeo, expresou o rexeitamento ao "xenocidio e limpeza étnica" de Israel, así como a "longa e inxusta ocupación" que asegurou que sofre o pobo palestino, "denunciada e considerada ilegal en numerosas resolucións da ONU ao longo das sete décadas que dura esta ocupación", subliñou.

E, referíndose directamente á presidenta da Comisión Europea, reprochoulle: "Como é posíbel que dea leccións de ética se vostede tomou partido en lugar de exercer a mediación e a neutralidade para facilitar a paz?". As últimas intervencións públicas de Von der Leyen desataron numerosas críticas polo seu claro posicionamento a favor de Israel e da súa resposta en "defensa propia" que, afirmou, "demostrará que é unha democracia".

Miranda lamentou a "violencia desproporcionada" de Israel cara a Palestina, que interpreta como "un castigo colectivo a un pobo que demanda a súa autodeterminación". Isto, sumado ao "deplorábel apartheid que leva a cabo o Goberno sionista" e o "bloqueo por terra, mar e aire", reiterou Miranda, "converteu Gaza no maior cárcere ao ar libre do mundo”.

Traballar para a paz

"É necesario traballar sen descanso para alcanzar o cesamento da violencia en Gaza e unha solución de Paz que acabe coa ocupación", subliñou a eurodeputada do Bloque, quen considera imprescindíbel o alto o fogo, abrir os corredores humanitarios e respectar inmediatamente o dereito internacional humanitario.

Neste senso, salientou que desde o BNG defenden iniciar un "proceso de negociación política con respaldo internacional" para buscar unha "saída pacífica e xusta" a este conflito baseada no cumprimento das resolucións de Nacións Unidas ao respecto.

Comentarios