Palestina

Investigacións confirman que a xornalista Shireen Abu Akleh foi asasinada "deliberadamente" por Israel

Só no que vai de 2022 foron asasinados no mundo 28 xornalistas. Outros 478 están en prisión actualmente, entre eles o vasco Pablo González, acusado por Polonia de ser un espía ruso.
As forzas israelíes cargaron contra as persoas asistentes ao funeral de Shireen Abu Akleh. (Foto: Ilia Yefimovich / DPA)
photo_camera As forzas israelíes cargaron contra as persoas asistentes ao funeral de Shireen Abu Akleh. (Foto: Ilia Yefimovich / DPA)

A Autoridade Palestina notificou esta quinta feira a conclusión da investigación iniciada por mor do asasinato da xornalista de Al Jazeera Shireen Abu Akleh, o pasado 11 de maio, a mans das forzas israelíes en Yenín (Cisxordania). Así, o fiscal xeral, Akram Al-Khatib, afirmou que os disparos foron deliberados.

"A única fonte de fogo nese lugar procedía das forzas de ocupación coa intención de matar", afirmou, sobre uns feitos de cualificou de "crime de guerra", xa que ninguén abrira fogo anteriormente segundo as pesquisas, que fora o que alegara o Goberno israelí.

Mais esta non é a única investigación que apunta a un asasinato intencionado aquel día. A axencia estadounidense Associated Press e a canle CNN publicaron esta mesma semana os resultados de cadansúas pesquisas e van na mesma dirección: a bala "non se disparou ao chou" nin foi "illada".

Pola súa parte, o ministro de Defensa de Israel, Benny Gantz, rexeitou de forma rotunda as acusacións: "Calquera afirmación de que as forzas israelíes danan intencionadamente os xornalistas ou os civís non implicados é unha flagrante mentira".

Israel ampárase na presenza na zona de "milicianos palestinos", algo que as imaxes difundidas e as investigacións tanto de Palestina como dos medios estadounidenses evidencian que se interpuñan "muros e edificios" entre os milicianos máis próximos, a 300 metros da xornalista.

28 xornalistas asasinados en 2022

Segundo o barómetro que actualiza a diario a organización Reporteiros Sen Fronteiras, desde o pasado 1 de xaneiro foron asasinados 26 xornalistas e dous colaboradores de medios.

Aliás, outros 478 están no cárcere, dos cales 72 foron detidos e levados a prisión no que vai de ano. Entre eles atópase o xornalista vasco Pablo González, a quen Polonia vén de ampliar por outros tres meses a prisión provisional que se lle decretara acusándoo de ser un axente da Intelixencia rusa.

Comentarios