Albares chama a comunidade internacional a "non perder máis tempo" e recoñecer o Estado de Palestina

O ministro español, na liña do defendido a pasada semana por Pedro Sánchez, cre que debe ser a Autoridade Palestina de Mahmoud Abbas quen tome de novo as rendas da Faixa de Gaza.
O ministro José Manuel Albares, no centro, na reunión diplomática de hoxe da Unión polo Mediterráneo. (Foto: Goberno de Turquía)
photo_camera O ministro José Manuel Albares, no centro, na reunión diplomática de hoxe da Unión polo Mediterráneo. (Foto: Goberno de Turquía)

O ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares, defendeu esta segunda feira que a comunidade internacional non pode "perder máis tempo" e debe apoiar o estabelecemento definitivo dun Estado palestino xunto a Israel para "garantir a paz e a seguridade" en toda a rexión, insistindo así na solución de dous Estados que reclama a meirande parte do planeta e pola que volveu avogar a pasada semana o presidente español, Pedro Sánchez, na súa breve visita a ambos os países. 

Nestes termos pronunciouse Albares no arranque do VIII Foro da Unión polo Mediterráneo (UpM) en Barcelona, un reunión que contará cunha presencia récord de 27 ministros dos 43 países que compoñen esta organización, que conmemora precisamente o seu décimo quinto aniversario. "A UpM non pode permanecer allea á traxedia que se está vivindo en Gaza e en Oriente Próximo", sostivo o ministro, apostando por que a reunión sexa unha "chamada á acción" e para mobilizarse pola paz, unha paz que "debe ser definitiva", pois "nunca máis debemos ver tantos civís inocentes mortos", dixo.

"Hoxe debemos unir as nosas voces para urxir a todos, á comunidade internacional, a non perder máis tempo para o estabelecemento dun Estado palestino xunto a Israel que, co respaldo e a garantía de toda a comunidade internacional, contribuirá decisivamente a garantir a paz e a seguridade en toda a rexión", subliñou. O ministro defendeu que a Autoridade Palestina debe ser quen asuma o control da Faixa de Gaza unha vez cesen as hostilidades dado que é "o noso único socio posíbel para a paz", descartando que Hamás poida seguir gobernando este territorio debido a que "non ten unha axenda de paz e non é un socio para a paz en Oriente Próximo".

Para que ese "retorno efectivo" sexa posíbel, tendo en conta que a AP non controla a Faixa desde 2007, Albares subliñou que é necesario o apoio internacional e a mellor maneira de brindalo é mediante a "materialización dunha vez por todas" da solución dos dous Estados. "A nosa diplomacia debe falar hoxe para que calen as armas, de Barcelona debe saír unha mensaxe de esperanza e unha mensaxe clara de paz", remarcou o ministro de Exteriores, que lembrou a proposta do Estado español da convocatoria dunha conferencia internacional de paz "cando antes" que xa conta co apoio da UE, a Liga Árabe e a Organización para a Cooperación Islámica (OCI).

O ministro, aliás, volveu condenar a "matanza indiscriminada" por parte de Hamás, "que só sabe destruír", incidindo en que "España tamén foi vítima desta barbarie terrorista", dado que entre os máis de 1.200 mortos no ataque figuran os españois Iván Illarramendi e Maya Villalobo. "Sempre estarán na nosa memoria", afirmou.

Igualmente, exixiu unha vez máis a Israel que "respecte escrupulosamente o Dereito Internacional Humanitario", posto que "a morte de decenas de miles de palestinos inocentes en Gaza non é aceptábel". Tras felicitarse da tregua pactada por Israel e Hamás, Albares pediu ás partes que "a estendan até consolidar un longo cesamento do fogo", e tamén reclamou "a entrada de axuda humanitaria en cantidade suficiente para aliviar o insoportábel sufrimento da poboación de Gaza".

Neste sentido, apostou por que se incrementen os puntos de entrada da axuda humanitaria a Gaza, dado que actualmente só é posíbel polo paso de Rafah, cara a Exipto, e apoiou a proposta dun corredor marítimo humanitario de Chipre que uniría Larnaca coa Faixa.

Comentarios