Israel prepárase para ocupar unha Gaza que suma cada día máis de 330 vítimas mortais no último mes

"Creo que Israel terá, durante un período indefinido, a responsabilidade xeral da seguridade [en Gaza]", di o primeiro ministro, Benjamin Netanyahu, mentres os bombardeos sobre a poboación civil non cesan e os hospitais continúan no albo duns ataques que deixaron xa máis de 10.000 mortos en só un mes.
Efectivos de emerxencias tentan rescatar unha persoa atrapada entre os cascallos dun edificio derruído en Khan Younis. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)
photo_camera Efectivos de emerxencias tentan rescatar unha persoa atrapada entre os cascallos dun edificio derruído en Khan Younis. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)

As intencións de Israel son claras e coñecidas, e así o veñen avanzando no último mes desde Tel Aviv, no marco dun plan "en tres fases" sobre a Faixa de Gaza iniciada co pretexto de "destruír Hamás" após os atentados en territorio israelí que o pasado 7 de outubro, hai xusto un mes, deixaron centos de mortos —uns 1.400, segundo o Goberno— e perto de 200 reféns. "Creo que Israel terá, durante un período indefinido, a responsabilidade xeral da seguridade, porque vimos o que ocorre cando non a temos: a erupción do terror de Hamás a unha escala que non podiamos imaxinar", dixo esta terza feira o primeiro ministro, Benjamin Netanyahu, en declaracións á canle estadounidense ABC News. Mesmo a bomba nuclear, afirmou o ministro de Patrimonio, Amihai Eliyahu, "é unha opción".

O Exército hebreo xa accedeu ao norte de Gaza, obrigando uns 1,5 millóns de persoas a abandonaren os seus fogares e fuxiren cara ao sur, onde os bombardeos tampouco cesan. A capital da rexión, Cidade de Gaza, é asediada polas tropas israelíes mentres se intensifica a ofensiva por terra e ar. E, até o momento, as vítimas mortais superan xa as 10.000 só nestes últimos 30 días —medio cento na última noite de ataques, nomeadamente en Khan Younis e Rafah, e unha media de 333 por día—, das que case a metade —unhas 4.800— son crianzas, segundo as últimas estimacións das autoridades palestinas. A elas súmanse os 155 asasinados en Cisxordania a mans de militares e colonos.

E entre os falecidos atópanse tamén 89 traballadores de Nacións Unidas e 44 xornalistas de diferentes medios internacionais. "Nas últimas semanas foron asasinados máis traballadores da ONU que en calquera outro período comparábel da historia da nosa organización. Únome ao loito de 89 dos nosos compañeiros da UNRWA que foron asasinados en Gaza, moitos deles xunto aos membros das súas familias", denunciou esta terza feira o secretario xeral da ONU, o portugués António Guterres.

No albo dos ataques de Israel seguen a estar moitos dos hospitais da Faixa, que segundo o Executivo de Netanyahu son parte dos centros operacionais de Hamás, algo que negan xornalistas e médicos coñecedores da rexión. Esta terza feira sumouse o Goberno de Indonesia, encargado de financiar o hospital indonesio de Gaza: "É unha instalación construída con fins humanitarios e para cubrir as necesidades médicas do pobo palestino [...] Son falsas as acusacións de Israel, o hospital non ten papel ningún en actividades militares ou ligazóns con ningunha organización que non sexa médica", afirmou, en declaracións recollidas polo xornal The Jakarta Post, o portavoz do Ministerio de Exteriores indonesio, Muhamad Iqbal.

O pasado domingo, de feito, o principal voceiro do Exército israelí, Daniel Hagari, asegurara novamente ter "probas", do uso de instalacións médicas en Gaza, incluído este hospital indonesio, con fins "militares", aludindo tamén á suposta existencia dunha rede de túneles baixo o edificio, algo negado tamén polas autoridades de Indonesia. As oenegués entenden estas acusacións como un pretexto para atacar os hospitais, tal e como aconteceu nas últimas horas nas inmediacións do centro sanitario de Al-Quds: "Dous foguetes impactaron a uns 50 metros da porta", alertou a Media Lúa Vermella, que vén denunciando os bombardeos próximos a este recinto.

E segundo apuntou hai escasos minutos Al Jazeera, o Hospital de Al-Rantisi, especializado no tratamento de crianzas con cancro, recibiu esta terza feira un aviso de evacuación inmediata. "Marchen agora mesmo", alertaron as Forzas Armadas de Israel, segundo as fontes presentes no recinto, onde se atopan unhas 1.000 persoas nestes momentos, citadas por esta canle de televisión internacional.

"Gaza afronta unha situación catastrófica. Pedíuselle que escolla entre a limpeza humana e o xenocidio, ben sexa para saír ou para morrer", lamenta o doutor Younis Al-Khatib, presidente da Media Lúa Vermella en Palestina. Até o momento a OMS informou da morte dun mínimo de 160 médicos e sanitarios en acto de servizo, mentres atendían persoas feridas. Os cirurxiáns vense obrigados, ante a falta de subministros, a operar, mesmo amputar membros, sen anestesia. E os hospitais comezan a verse escasos de combustíbel.

Cada vez son máis as voces que desde distintas partes do mundo urxen un alto o fogo en Palestina que, porén, Netanyahu advirte que só chegará "se se liberan os reféns". Uns reféns que Hamás ofreceu intercambiar polos centos de palestinos encarcerados, boa parte deles de forma totalmente arbitraria e sen cargos imputábeis, nas prisións de Israel, algo ao que o Goberno non accedeu.

E non só en Gaza medra a tensión, pois as operacións militares continúan en Cisxordania, con centos de detidos, e tamén na fronteira norte do país, a que linda co Líbano, onde o Exército israelí e Hezbolá intercambiaron numerosos disparos no último mes. "Estamos moi preocupados polo aumento das tensións. Os civís deben ser protexidos sempre a toda costa e nunca atacados. É importante que todos, a ambos os dous lados da Liña Azul, cesen calquera acción hostil", demandou Stéphane Dujarric, portavoz do secretario xeral de Nacións Unidas.

Comentarios