6.650 persoas foxen de Artsakh por temor a unha limpeza étnica

Segunda reunión entre Stepanakert e Bakú despois da sinatura do alto o fogo que freou a invasión azarí.
Recep Tayyip Ergodan e Ilham Aliyev, presidentes de Turquía e Acerbaixán respectivamente. (Foto: Presidencia de Acerbaixán / DPA)
photo_camera Recep Tayyip Ergodan e Ilham Aliyev, presidentes de Turquía e Acerbaixán respectivamente. (Foto: Presidencia de Acerbaixán / DPA)

Os coches de milleiros de persoas colapsaron esta segunda feira a ruta do corredor de Lachin, que une a autoproclamada República de Artsakh con Armenia, polo temor a que Acerbaixán cometa unha limpeza étnica após protagonizar unha invasión do territorio de maioría armenia a pasada semana, que rematou cun alto o fogo no que Artsakh se comprometeu a disolver o seu Exército de Defensa e abordar a reintegración a Bakú.

Amais dos precedentes bélicos polo control de Artsakh, circulan nas redes sociais vídeos non verificados de supostas agresións dos militares azarís contra a poboación civil, que se suman a un ataque no que terían morto máis de 200 persoas, sinalou o Valedor do Pobo de Artsakh.

A pesar de que o Goberno armenio de Nikol Pashinian afirmara após a ofensiva que non había riscos para a poboación de Artsakh, logo de meses denunciando posíbeis asasinatos en masa na zona, o Executivo de Iereván elevou esta segunda feira a 6.650 o número de persoas que chegaron ao país procedentes de Artsakh, que conta con 120.000 habitantes.

Perante esta situación, desde Stepanakert, a capital de Artsakh, solicitouse á poboación que non encha a estrada cara a Armenia, posto que impide evacuar persoas feridas no conflito e outras doentes. Persoas fuxidas de Artsakh denunciaron o incremento no prezo dos alugueiros en Iereván pola previsión da súa chegada, amais de dificultades para atopar vivenda ao revelar a súa procedencia.

En paralelo, desenvolveuse unha segunda rolda nas conversas entre Bakú e Stepanakert, que, en base ás autoridades azarís, centrouse na axuda humanitaria á zona, que Acerbaixán bloqueou durante nove meses até espallar a fame, e nos servizos médicos. Na área faleceron dous militares acerbaixanos por mor da explosión dunha mina, do que o Ministerio de Defensa acusou “formacións ilegais armenias”.

Pola súa parte, Ilham Aliyev, o presidente azarí, reuniuse co seu homólogo turco, Recep Tayyip Erdogan. O mandatario turco subliñou que “agardamos que Armenia acepte a man de paz que se lle tende” para negociar un acordo de paz.

Entrementres, a prensa turca xa fixa o corredor de Zangezur como o seguinte obxectivo de Acerbaixán. Este corredor implicaría conquistar terreo armenio para unir Acerbaixán co seu enclave de Nakhchivan, o que lle permitiría estabelecer unha conexión permanente con Turquía. Nakhchivan foi ocupado por Ancara despois de perpetrar un xenocidio en 1915 contra o pobo armenio, polo que acabou formando parte de Bakú.

Comentarios