Iereván solicita unha misión de supervisión internacional en Artsakh

Máis de 80 detidos polas protestas en Armenia.
Reunión na madrugada desta sexta feira do Consello de Seguridade da ONU. (Foto: Michael Kappeler / DPA)
photo_camera Reunión na madrugada desta sexta feira do Consello de Seguridade da ONU. (Foto: Michael Kappeler / DPA)

O Consello de Seguridade da Organización das Nacións Unidas abordou na madrugada desta sexta feira, a petición de Francia, o ataque de Acerbaixán contra a autoproclamada República de Artsakh, de maioría armenia, esta semana. Tras o alto o fogo que implica a reintegración no Estado azarí, Ararat Mirzoyan, titular de Exteriores armenio, reclamou na xuntanza unha misión de supervisión internacional da situación humanitaria, o que foi apoiado polos Estados Unidos.

Testemuñas citadas por medios internacionais apuntan que o alto o fogo se está a manter na zona, entre temores da poboación pola nova situación na que fica o territorio. “Acerbaixán fíxonos pasar fame durante nove meses, privounos de condicións de vida básicas e logo atacou a poboación civil, como podemos quedar aquí despois de todas estas atrocidades? É imposíbel”, explica unha veciña.

Entrementres, proseguen por cuarto día as protestas en Iereván, a capital armenia, contra o primeiro ministro Nikol Pashinian por non saír na defensa de Artsakh. Máis de 80 persoas foron detidas nas mobilizacións.

Comentarios