Provedores de leña advirten da dificultade de cubrir a crecente demanda na Galiza

A madeira para calefacción encarece máis de 130% no mercado alemán.
A Comunidade de montes veciñais en man común de Baroña, en Porto do Son, emprega tractores para a venda de leña a domicilio (CMVMC de Baroña).
photo_camera A Comunidade de montes veciñais en man común de Baroña, en Porto do Son, emprega tractores para a venda de leña a domicilio (CMVMC de Baroña).

A Oficina Federal de Estatística de Alemaña vén de informar de que os custos da leña para os consumidores dese Estado aumentaron o pasado agosto 85,7% en comparación co mesmo mes do ano anterior.

Ese incremento, sinalou o organismo, débese maiormente a que a poboación alemá ten que recorrer á leña como unha alternativa para quentar os seus fogares ante os altos prezos do gas, o petróleo e a electricidade. Así mesmo, ademais da elevada demanda, os gastos de adquisición e transporte dese produto forestal contribúen ao aumento do seu custo.

Esta tendencia é aínda máis visíbel cando se analizan os prezos da madeira para calefacción vendida polos produtores alemáns, xa que, no caso da leña, era un 133,3% máis cara o pasado mes que hai un ano.

Bulgaria optou o pasado agosto por suspender as exportacións de madeira durante tres meses."Está claro que actualmente hai un déficit de madeira, e estamos a finais de verán", declarou o ministro de Agricultura búlgaro, Yavor Gechev. "É un momento inoportuno para constatar que a demanda de madeira triplicouse", agregou, subliñando que esta situación afectará os prezos. 

Pola súa parte, o Goberno húngaro desenvolveu tamén este pasado agosto novas regulacións para limitar as exportacións de madeira, que deberán contar cun permiso especial do Estado, que ademais ten dereito de compra preferente.

"O decreto foi redactado para asegurar o abastecemento de combustíbeis controlando, regulando e, en determinados casos, prohibindo a exportación da leña", dixo o ministro de Agricultura, István Nagy.

Mais esta realidade de aumento da demanda de leña para quecer os fogares non é unha realidade exclusiva destes tres Estados, senón unha tendencia xeneralizada que tamén atinxe á Galiza e ao Estado español.

Así, a venta de leña no Estado español tamén está a medrar de forma exponencial, e mesmo o Executivo estatal considerou incluír a leña e os pellets nas rebaixas do IVE a 5% en produtos enerxéticos como consecuencia da crise inflacionista.

Unha realidade que constatan provedores galegos como Manuel Meijomil, de Leña Galicia, que en conversa con Nós Diario, declarou que "estamos a notar un aumento da demanda a un nivel bastante alto, de feito tivemos que duplicar a produción e non somo capaces de abastecer todos os pedidos que nos están chegando", explicou.

"Normalmente producimos 5.000 toneladas de leña e este ano sobrepasaremos as 9.000". "Está sendo un despropósito, non hai suficiente man de obra para cubrir o mercado", afirmou. "A leña subiu entre 15 e 20%, tanto pola escaseza como polo aumento dos custos de produción", sinalou o provedor de madeira.

Ovidio Queiruga, presidente da Comunidade de montes veciñais en man común de Baroña, no municipio de Porto do Son, tamén en conversa con este xornal, explicou que "parte da xente que non acostumaba comprar leña está empezando a facelo e as persoas que xa compraban están incrementando o volume de leña que estaban comprando", afirmou.

"As vendas de leña da nosa comunidade de montes incrementáronse en 40% e o prezo da madeira que subministramos en 25%". "Nós temos un ámbito moi local, servimos ás parroquias limítrofes á nosa e ás persoas comuneiras da nosa comunidade, aínda así estamos tendo dificultades para cubrir os pedidos".

Un "inverno duro" na UE, mais non nos Estados Unidos

A secretaria do Tesouro dos Estados Unidos de América (EUA), Janet Yellen, advertiu nas últimas horas de que a Unión Europa (UE) podería enfrontarse a un "inverno duro" pola alza dos prezos da enerxía a medida que se desconecta do gas ruso, pero que esa situación non terá un impacto significativo na economía estadounidense.

Nunha conferencia organizada pola revista The Atlantic, preguntóuselle se pensaba que a UE podería deixar de comprar gas ruso sen caer en recesión ao mesmo tempo. "É algo difícil de lograr. Estamos a traballar en estreita colaboración cos nosos veciños europeos para axudalos a atopar fontes alternativas", explicou. "Con todo, vimos dispararse os prezos da enerxía en Europa e vai ser un inverno moi duro para eles", subliñou. Porén, Yellet afirmou que os EUA non están "nin sequera cerca" dun panorama similar.

Comentarios