Alemaña nacionaliza a enerxética Uniper, o seu principal provedor de gas

"Este acordo asegura a subministración de enerxía para empresas, municipios e consumidores", defende o Executivo, que incide na idoneidade da medida ante a "intensificación da crise enerxética".
O Goberno alemán faise coa práctica totalidade das accións da compañía. (Foto: Oliver Berg / DPA)
photo_camera O Goberno alemán faise coa práctica totalidade das accións da compañía. (Foto: Oliver Berg / DPA)

O Goberno alemán decidiu finalmente nacionalizar a eléctrica Uniper, o seu principal provedor de gas a través das importacións, como parte do novo programa de rescate, facéndose co control de algo máis de 99% do capital social, segundo informou nun comunicado.

O programa parte do acordado en xullo. Así, Alemaña participará nunha ampliación de capital da empresa por valor de 8.000 millóns de euros que se executará a razón de 1,70 euros por acción, o que supón un desconto de 59,3% a respecto do prezo de 4,18 euros ao que fechou na terza feira na Bolsa de Frankfurt.

Como parte deste proceso, o Executivo tamén comprará a participación nesta compañía da finlandesa Fortum por 466 millóns de euros partindo dese mesmo prezo. Antes de que empezase a guerra en Ucraína, a participación de Fortum na eléctrica alemá estaba valorada nuns 11.000 millóns de euros.

O banco público alemán KfW proporcionará financiamento a Uniper de acordo coas súas necesidades de liquidez. Con todo, Uniper alertou de que a liquidez necesaria dependerá de que se lle abonen os pagamentos necesarios para cubrir os custos asociados e as chamadas de marxe nos mercados financeiros.

"O acordo de hoxe [...] asegura a subministración de enerxía para empresas, municipios e consumidores. A emenda do paquete de estabilización de xullo era necesaria ante a intensificación da crise enerxética", subliñou o conselleiro delegado da enerxética, Klaus-Dieter Maubach.

As partes tamén acordaron que Uniper terá preferencia de compra no caso de que a firma decida desinvestir parte ou a totalidade dos seus activos de xeración nuclear e hidroeléctrica en Suecia até finais de 2026.

Consecuentemente, Fortum desconsolidará a Uniper das súas contas. Isto terá un efecto positivo, porque xa non terá que rexistrar provisións e axustes contábeis a respecto das perdas da compañía alemá. De feito, Uniper rexistrou perdas de 12.418 millóns de euros nos seis primeiros meses de 2022, en contraste co resultado negativo de 20 millóns no mesmo período do ano anterior, como consecuencia do impacto da substancial redución da subministración de gas desde Rusia.

Comentarios