O Executivo español reduce o IVE do gas natural de 21 a 5% até final de ano

A medida tamén se aplicará a partir de outubro á compra de leña e pellets.
A ministra de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico do Estado español, Teresa Ribera. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera A ministra de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico do Estado español, Teresa Ribera, anunciou esta terza feira a rebaixa do IVE do gas natural (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O Consello de Ministros e Ministras do Estado español aprobou esta terza feira a rebaixa do tipo do IVE aplicado no recibo do gas natural de 21 a 5% de outubro a decembro, aínda que o Executivo estatal deixou a porta aberta a unha ampliación da medida para o próximo ano "se fose necesario".

Así o anunciou a vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, que indicou que esta redución, que se aplicará tamén á compra de leña, briquetas e pellets, ten por obxectivo "apoiar os consumidores domésticos e á industria fronte á crise enerxética". 

Ribera estimou que a aplicación da medida durante estes próximos tres meses achegará un aforro duns 210 millóns. Coa súa aprobación, o Executivo busca reducir a factura de calefacción das persoas consumidoras de cara á chegada do outono e do inverno. Así, iguálase no caso do recibo do gas natural a baixada fiscal que xa está a aplicar na factura da luz. 

Previamente, o Goberno liderado por Pedro Sánchez xa rebaixou en 80% os impostos vinculados co recibo da luz, o que supuxo un aforro para o total de contribuíntes de ao redor de 10.000 millóns de euros.

A respecto diso, Ribera indicou que, tanto para o caso da luz como do gas natural, o Executivo estatal "estará pendente de como evolucionen as cousas" para a renovación das medidas fiscais sobre os recibos de ambos os consumos.

Por outra parte, o Executivo do Estado español deu luz verde tamén á excepción para que os produtores de electricidade a partir de coxeración poidan beneficiarse da denominada 'excepción ibérica'.

Desta maneira, as plantas de coxeración da industria poderán renunciar temporalmente á súa retribución regulada para entrar no ámbito de aplicación do mecanismo ibérico.

Esta medida fora pedida con insistencia por industrias como a cerámica, papeleira ou química, entre outras, que representan 20% do PIB industrial do Estado español e suman unhas 600 instalacións de coxeración.

O incremento do custo do gas obrigou a parar instalacións de coxeración, que utiliza a calor dos procesos industriais para producir electricidade, debido a que non percibían o axuste que cobran as centrais de gas coa aplicación do mecanismo ibérico. Ribera indicou que esta medida permitirá á coxeración "reflectir o custo do gas nas súas contas" e que o parque de instalacións "volva funcionar con total normalidade".

Ademais, o Executivo español aprobou un novo servizo de resposta activa da demanda coa intención de aumentar a flexibilidade e a seguridade do sistema eléctrico. Con este mecanismo prevese resolver, as situacións de desvíos importantes entre a xeración e o consumo que se presenten no período horario inmediatamente anterior ao da subministración, ou mesmo na propia hora de subministración.

Promoción das renovábeis

A normativa inclúe medidas de promoción da xeración renovábel. Así, axilízanse e simplifícanse os trámites administrativos para os proxectos de xeración eléctrica, como os relativos á identificación das empresas legal, económica e tecnicamente capaces, ou as consultas entre distintas Administracións públicas. Esta cuestión fai que distintos colectivos teman que afecte á capacidade para formular alegacións aos proxectos.

O ministro Escrivá avoga por centralizar impostos no Estado

O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións do Estado español, José Luis Escrivá, mostrouse esta terza feira partidario de centralizar impostos para evitar que as autonomías "compitan entre si" en materia fiscal.

Escrivá deixou claro que esta é unha opinión "a título persoal" a conta da decisión anunciada esta terza feira pola Xunta de Andalucía de suprimir o Imposto de Patrimonio, seguindo o ronsel da Comunidade de Madrid.

"Paréceme un despropósito que as comunidades se dediquen a competir fiscalmente", subliñou, ao tempo que considerou que eliminar Patrimonio é unha medida "extraordinariamente regresiva".

Porén, a ministra de Facenda e Función Pública, María Jesús Montero, sostivo esta terza feira que o debate sobre unha harmonización do imposto de Patrimonio debe abordarse no marco da reforma do sistema de financiamento autonómico.

Comentarios