O castiñeiro galego pide paso como alternativa na fabricación de barricas

A madeira do país é moi prezada no proceso de avellentamento do viño.
Barricas de gran capacidade para viños e licores elaboradas con madeira de castiñeiro galego empregadas na investigación. (Foto: Xera)
photo_camera Barricas de gran capacidade para viños e licores elaboradas con madeira de castiñeiro galego empregadas na investigación. (Foto: Xera)

A madeira de carballo galego é moi apreciada na fabricación de toneis para envellecer licores e viños polos taninos e polas propiedades físicas que proporciona. Mais o castiñeiro, outra frondosa moi arraigada no país, pide paso tamén como alternativa neste selecto mercado.

Como explica a Nós Diario Adriana Conde, enxeñeira de montes e investigadora na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo, a madeira de castiñeiro xa se viña empregando de forma tradicional na Galiza para facer toneis de pequenas dimensións. Agora o obxectivo é probar as súas posibilidades no avellentamento de viños e licores das grandes adegas.

A investigación, liderada polo profesor Pablo Vila e realizada en colaboración coa firma Irish Distillers, xa concluíu que os valores físico-mecánicos (flexibilidade, resistencia, etc.) da madeira de castiñeiro son moi semellantes aos da de carballo.

Segundo indica Conde, isto facilita novas saídas comerciais a esta madeira como produto de alto valor engadido, xa que unha nova barrica pode rondar os 500-600 euros, o que comparado coa madeira que se precisa, "ofrece un alto rendemento".

Madeira case perfecta

Con todo, a investigadora recoñece que na Galiza este é un proxecto "a medio-longo prazo", xa que na actualidade non existe industria toneleira. Ademais, salienta que é difícil atopar madeira adecuada para eses usos, posto que ten que ser "moi limpa".

"Ten que ser de pés de 35 centímetros de diámetro como mínimo. E despois é ideal que a distancia entre aneis de crecemento sexa a axeitada, porque isto inflúe no intercambio tánico e na microosixenación dos caldos. Ademais, a fibra ten que ser recta ao longo do fuste e polo tanto das doelas, porque se non habería problemas de fendas e desaxustes nos procesos de produción. E non pode ter tampouco nós nin torsións, nin por suposto podre. Ten que ser practicamente perfecta, o que fai que poucos pés sexan válidos", relata Conde.

Este feito tamén é algo positivo, pois as masas manteñen a biodiversidade e os hábitats propios das zonas nas que se apean os pés, xa que este tipo de explotación permite facer un aproveitamento selectivo de baixo impacto no que a silvicultura xoga un papel fundamental.

"Ao manter o monte autóctono vivo e coidado, aseguramos o seu mantemento, a súa rendibilidade, e diminúese o risco de incendios", abunda a enxeñeira de montes.

Industria na Galiza

En opinión de Adriana Conde, a Galiza ten potencial para crear unha industria toneleira propia a partir de producións de frondosas autóctonas como o carballo e o castiñeiro, mais incide en que para iso fai falla un cambio de mentalidade na explotación forestal, deixando de lado o eucalipto e apostando por estas madeiras "con plantacións de calidade, importantes en volume e constantes no tempo".

As empresas de viños e licores cada vez miran máis para o monte galego, en parte polos selos de certificación forestal que garanten unha correcta xestión das masas autóctonas, "o que ademais potencia e revaloriza o noso monte", subliña Conde.

As denominacións de orixe galegas, as grandes beneficiadas

O estudo das características físico-mecánicas da madeira de castiñeiro para o seu emprego na industria toneleira é só un dos pasos da investigación da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo. Nos próximos meses, os traballos centraranse en estudar as características organolépticas que achega o castiñeiro ao envellecemento de viños das distintas denominacións de orixe galegas, tanto a nivel químico, mediante análises de laboratorio, como a nivel sensorial, con catas experimentais.

O obxectivo final é que o proceso produtivo destes caldos sexa 100% galego, dándolle maior coherencia e, ao mesmo tempo, maior valor engadido ao produto final, que non só estaría elaborado a partir de uvas autóctonas, senón que maduraría tamén en barricas de madeira producida nos montes galegos.

Comentarios