Os EUA consolídanse como principal provedor de gas do Estado español

A importación de gas procedente dos EUA duplicouse no último ano e o pasado agosto xa representaba 26,5% do total. Tamén medrou de forma considerábel a chegada de gas ruso, mentres na UE a dependencia caeu á metade. Alxeria, no marco da crise institucional co Goberno español, perde peso.
En comparanza con agosto de 2018, a importación de gas estadounidense incrementouse en até 1.060%. (Foto: Bednarek)
photo_camera En comparanza con agosto de 2018, a importación de gas estadounidense incrementouse en até 1.060%. (Foto: Bednarek)

A crise institucional con Alxeria, noutrora principal provedor de gas natural do Estado español, elevou os Estados Unidos á primeira posición nos últimos meses. Así se desprende do Boletín Estatístico de Enagás correspondente a agosto, publicado nesta segunda feira, que sitúa o país norteamericano cunha cota de mercado de 26,5% que se traduce en 10.074 xigawatts por hora (XWh) de gas. En comparanza co mesmo mes de 2021, o volume importado dos EUA chegou case a duplicarse (+92,2%).

Alxeria, a pesar da redución do subministro derivada do apoio do Goberno estatal a Marrocos no conflito do Sáhara (-34,8% na comparativa interanual), segue a ser o segundo provedor, con 24% das importacións, isto é, 9.127 XWh. En terceira posición fica Francia, cun volume de 15,3% o pasado agosto, seguida de Nixeria, con 12,3%.

Botando a vista atrás e tomando como referencia agosto de 2018, as importacións de gas procedente dos EUA mostraron un claro cambio de tendencia e medraron en até 1.060% nestes últimos catro anos —daquela só se recibiran 950 XWh—, en comparanza co gas recibido no pasado agosto.

As compras medran case 14% até agosto

En termos globais, nos primeiros oito meses do presente ano a recepción de gas ascendeu no Estado español até os 301.498 XWh, isto é, 13,9% máis que no mesmo período de 2021. O gas estadounidense abrangue 32,1% —96.683 xigawatts por hora (XWh)— do total subministrado entre xaneiro e agosto de 2022, seguido do alxeriano (24,4%) e o nixeriano (14,4%).

En relación co mesmo período do ano anterior, as importacións dos EUA subiron 270,6%, só con doce meses de diferenza, ao tempo que as compras a Alxeria caeron en 38,1%. Isto debeuse, principalmente, á considerábel diminución da chegada desta fonte enerxética a través dos gasodutos, cuxo volume pasou dos 111.758 XWh dos oito primeiros meses de 2021 aos 69.184 XWh do que vai de ano.

Gas de Rusia: A UE reduce á metade, España duplica

Un dato paradigmático que achega este balance é o aumento da dependencia do gas natural ruso no Estado español, nun momento no que a Unión Europea endurece as sancións sobre Moscova por mor da guerra en Ucraína e chama a diminuír as compras a Rusia, coa ollada posta tamén en hipotéticos cortes de subministro por parte da compañía Gazprom de cara ao inverno. Así, segundo datos de Bruegel —o think thank europeo de análise económica—, o mercado comunitario reduciu no seu conxunto a dependencia do gas ruso á metade nos seis primeiros meses de 2022, en comparanza co mesmo período do exercicio anterior, pasando de representar case 40% do consumo total a perto de 20%.

No Estado español, pola súa parte, a situación é ben distinta. O pasado mes a importación de gas procedente de Rusia medrou até os 4.505 XWh, o que supón 102,2% máis que en agosto de 2021 e eleva a cota de mercado a 11,8% do subministro total, converténdose no quinto provedor do Estado español.

A ministra Ribera sostén que o aumento das importacións de Rusia "non é significativo"

Porén, a ollos da ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, "non é significativo" este aumento: "O Estado español importa arredor de 7% de gas natural licuado ao longo do ano, concentrado nos meses de verán, e este ano houbo un incremento porque había centrais de almacenamento de gas que estaban a prepararse para poder albergar máis de cara ao inverno", dixo, en declaracións a La Sexta.

Mais o aumento si resulta significativo comparando o dato do pasado mes coa serie histórica, pois no último lustro só se superara o limiar de 10% do volume total ao remate do exercicio de 2020, ano no que nestas alturas, en agosto, o gas procedente de Rusia apenas alcanzara os 2.067 XWh.

Balanza comercial negativa

Desde o estoupido da guerra en Ucraína, o Estado español tornou nunha das principais portas de entrada do gas a Europa a través dos Pireneos, se ben o saldo de agosto volveu ser negativo, con 11.654 XWh máis importados dos que se exportaron na balanza comercial española.

Comentarios