Gonzalo Rodríguez: "A pesca europea non cobre a demanda de medio ano"

A Consellaría do Mar vén de presentar as Táboas input-output pesca-conserva galega 2019, das que o investigador da USC Gonzalo Rodríguez é un dos autores. En conversa con Nós Diario, o investigador reflexiona sobre a evolución do sector mar-industria e a ameaza que supón o veto da pesca de fondo en 87 caladoiros do Atlántico.
Rodríguez é especialista no estudo da economía pesqueira (Foto: Nós Diario).
photo_camera Rodríguez é especialista no estudo da economía pesqueira. (Foto: Nós Diario)

—Veñen de ser presentadas as Táboas input-output pesca-conserva galega 2019. Cales son os obxectivos desta investigación na que vostede participa?
O principal obxectivo é facer unha radiografía do sector e entender sobre todo como produce e cal é a súa achega á economía galega. Nese sentido, ás veces, pénsase na pesca como unha actividade exclusivamente de captura, mais para chegar a iso fan falta moitas actividades previas, unha enorme variedade de materias primas e inputs e moito coñecemento científico.

E despois da pesca tamén hai moitos procesos para que o produto chegue ás persoas consumidoras, fai falta refrixeración, transporte, transformación, comercialización... Todo isto permítenos ver a pesca como un sector completo e que na Galiza  responde a un modelo de desenvolvemento endóxeno que exerce arrastre sobre a economía galega.

Entender estas características tamén nos permite tomar mellores decisións sobre fenómenos como a situación do gasóleo, como as protestas polas propostas de taxicotas da Unión Europea ou sobre outros aspectos como a restrición á pesca en 87 zonas do Atlántico.

—Cales poderían ser as consecuencias deste veto á pesca de fondo en 87 caladoiros?
A ese respecto hai que entender que a pesca está suxeita a moitas presións. Nun contexto no que o prezo do gasóleo ten pasado de 0,4 a 1,2 euros por litro, a estrutura produtiva das empresas non está preparada para soportar un shock destas características.

Se por riba disto, aínda restrinxen máis algunhas áreas de pesca, queda moi condicionada a viabilidade deste sector, non só da actividade pesqueira extractiva, senón tamén da actividade industrial que vén despois.

Parecería razoábel que se fixesen estudos socioeconómicos que permitan adecuar as políticas que teñen por obxectivo a protección do ambiente ás políticas que perseguen preservar a actividade económica, social e a vitalidade de moitas zonas de pesca. Unha das cousas que se evidencia é que a pesca é unha actividade socialmente moi distribuída que contribúe á xustiza territorial ao longo de toda a costa galega. 

Ademais, hai aspectos que podemos cualificar de inxustos, pois esta restrición non afecta só ao arrastre, senón tamén ao enmalle ou ao palangre. O palangre, por exemplo, que é un tipo de pesca moi selectiva que vén de experimentar unha forte reconversión e de adaptarse ao uso de artes cun mínimo impacto ambiental, é agora un dos sectores que sofren precisamente máis presión por esta decisión.

A pesca aparece nas comunicacións da Comisión Europea asociada a expresións negativas, de vixilancia e control, cando observas iso entendes que o sector aparece como un problema en si propio, algo totalmente disparatado e que é preciso trocar.  

—Esta decisión pode ter tamén consecuencias sobre a soberanía alimentaria e a dieta da Galiza?
Claramente. A pesca europea non chega para cubrir as necesidades de medio ano e a dependencia da foránea está aumentando nos últimos anos. A capacidade de producir alimentos depende dun sistema que ou está vivo ou está morto.

Non podemos dicirlle a frota que pare a súa actividade seis anos e pretender que despois recupere, porque ao pasar ese período de tempo, pescará outra frota que estivo viva e non ese sistema produtivo que colapsou.

Asociada á soberanía alimentaria está a cultura, está seguir comendo aquelas especies que historicamente formaron parte da nosa gastronomía e da nosa forma de producir, por tanto hai risco en termos de soberanía alimentaria, mais tamén de empobrecer a nosa cultura.

Evolución do sector mar-industria galego

A actividade transformadora está detrás do crecemento da produción da cadea mar-industria da Galiza, cun aumento de 50% no seu peso económico, explica Rodríguez. "Isto evidencia que a pesca galega vai moito máis alá das capturas", sinala.

"Seguimos pescando máis ou menos o mesmo que no pasado, mais aumentamos a capacidade de comercializar e de crear sinerxías entre a captura e a venda, así como de xerar unha identidade de calidade do produto", explica o investigador da USC.

"Non pescamos por ningún tipo de azar ou casualidade nin porque haxa peixe, precisamente a plataforma continental galega é moi pequena e iso nos obrigou a buscar solucións e innovacións, unha senda pola que conseguimos medrar porque o facemos ben", argumenta Rodríguez, ao tempo que resalta que o sector mar-industria "é a actividade cunha maior especialización da economía galega".

Comentarios