Gonzalo Rodríguez, profesor da USC: "O pesimismo está a estenderse entre pescadores e armadores"

O complexo pesqueiro galego atravesa un momento delicado derivado da situación económica xeral e das súas lóxicas propias. O profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e especialista en economía pesqueira Gonzalo Rodríguez analiza a situación do sector para 'Nós Diario'.
Gonzalo Rodríguez, profesor de Economía Aplicada da USC. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Gonzalo Rodríguez, profesor de Economía Aplicada da USC. (Foto: Nós Diario)

—A Comisión Europea vén de propor o veto á actividade pesqueira nalgunha das áreas do caladoiro do Gran Sol, onde traballa desde hai décadas a frota galega. Que valoración fai desta iniciativa?
Neste momento, estase a acentuar o desequilibrio entre o obxectivo de sustentabilidade  ambiental da Política Pesqueira Común e o de sustentabilidade económica e social. De feito, en relación a esta medida, se o soporte científico ambiental é insuficiente, o soporte científico sobre os impactos económicos e sociais é nulo. O problema xa non é só que se restrinxa a pesca en determinadas zonas, senón a suma de restricións e a perspectiva de que detrás aínda veñan máis.

Nos últimos anos, hai que sumar a política de descartes, está en marcha un novo imposto ao gasóleo, a maiores da suba do prezo experimentado até agora, na plataforma continental restrínxense tamén espazos de pesca para dedicalos á produción e evacuación de enerxía eólica... Ao mesmo tempo, existen reparos a nivel europeo ao estabelecemento de subvencións que poidan facilitar a modernización da frota e a súa adaptación ás esixencias de sustentabilidade e seguridade.

Na medida en que no horizonte se van sumando máis e máis restricións, o pesimismo está a estenderse entre pescadores e armadores. O efecto conxunto é socavar as expectativas de viabilidade do sector.

—Nas próximas semanas, o Goberno do Estado vai facer público o Plan de ordenación do espazo mariño, onde se fixarán as áreas litorais nas que se poderá instalar a eólica mariña. Que consideración fai da proposta de erguer diversos parques eólicos mariños en puntos do noso litoral?
Vaia por diante que eu creo que é necesario incrementar a produción de fontes renovábeis, incluída a eólica. Creo ademais que a produción enerxética debe ser pensada a escala europea e non só nacional ou rexional. Pero dito isto, a implantación de eólicos segue un deseño feito a medida do oligopolio enerxético existente no Estado español.

Por exemplo, nin se buscou favorecer o autoconsumo doméstico, das administracións, das empresas ou das explotacións gandeiras, nin se procurou favorecer unha maior competencia na produción. Iberdrola é, con diferenza, o principal produtor, seguido por Acciona. 
Fronte as grandes corporacións, a balanza negociadora dos territorios, das poboacións e dos sectores afectados está desequilibrada e isto produce resultados inxustos.

—En moitas ocasións, non se ten en conta canto representa en termos económicos o complexo pesqueiro. A grandes trazos que significa en termos de emprego e PIB?
A contribución ao PIB do complexo mar-pesca, é dicir, pesca, marisqueo, miticultura, piscicultura mariña, conservas, outros alimentos a base de peixe e marisco, depuradoras e grosistas de peixe, supuxo o 4,8% do total, cunha facturación que rolda 12.000 millóns de euros. Isto supón uns 64.000 postos de traballo directos.

Ese elevado peso da pesca é unha das características definitorias da economía galega. O mantemento da súa elevada contribución económica non se debe só a un mero acceso aos recursos, factor que se dá en múltiples lugares, senón ao desenvolvemento continuado de vantaxes competitivas, ao esforzo constante de adaptación e mellora e á acumulación de técnica e coñecemento.

—Cando falamos da pesca, moitas veces só nos referimos á actividade extractiva e non temos en conta a industria asociada en terra. Que representa todo isto para as localidades do litoral galego e tamén para o conxunto da Galiza?
Efectivamente, esquecemos que producir cada unidade de produto pescado require un enorme número de recursos e servizos que, na súa meirande parte, se producen ou adquiren na Galiza, multiplicando o impacto económico da pesca.

Referímonos á necesidade de frigoríficos, transportes, brokers de pescado, estaleiros, efectos navais, cabos e redes, pinturas náuticas, servizos de enxeñaría, de I+D, maquinaria, servizos xurídicos, servizos portuarios, e así até un largo etcétera. A cadea de valor da pesca é a máis complexa e sofisticada de cantas existen na Galiza.

En termos territoriais, isto significa que a columna vertebral de moitas vilas costeiras é a pesca, non só polo impacto directo, senón porque é soporte necesario para manter asesorías, xestorías, comercio, hostalaría, gasolineiras e mesmo para manter servizos públicos.

A relación entre a banca e a industria

A decisión de Abanca de reducir a súa exposición a Pescanova preocupa no complexo pesqueiro galego. A este respecto, Gonzalo Rodríguez sinala que "os pasos dados por Abanca apuntan na dirección de manter unha posición estratéxica en Pescanova e esta é unha boa noticia para a Galiza porque permite manter a ligazón aquí dunha empresa que é a maior do complexo mar-pesca galego".

Rodríguez explica que "nese punto pode observarse a importancia de ter un sistema financeiro propio, como o que representaban as antigas caixas, co fin de proporcionar capital paciente que facilite o desenvolvemento da industria". "Aínda que Abanca teña vocación de investir en industrias do país, a súa capacidade vese limitada pola súa exposición financeira", afirma Rodríguez, quen pide "a aproximación entre a industria e a banca galega".

Máis en ECONOMÍA
Comentarios