A produción do sector marítimo aumentou 50% entre 2011 e 2019

A cadea mar-industria representa a cuarta actividade máis importante da economía galega.
Actividade marisqueira en Esteiro, no municipio de Muros (Foto: Nós Diario).
photo_camera Actividade marisqueira en Esteiro, no municipio de Muros (Foto: Nós Diario).

A produción do sector do mar na Galiza aumentou perto de 50% desde 2011 ao superar os 5.500 millóns de euros fronte aos 3.700 millóns de 2011, mantendo ademais relación con máis de 90% das ramas da actividade económica galega. 

Así o reflicten as Táboas input-output pesca-conservas galega 2019, elaboradas por un equipo dirixido polos economistas Gonzalo Rodríguez e María do Carme García Negro, do grupo de investigación en Economía Pesqueira e Recursos Naturais Ecopesca da Universidade de Santiago de Compostela (USC). e que foron presentadas esta segunda feira pola conselleira do Mar, Rosa Quintana.

A industria transformadora, pola súa parte, e segundo o estudo dos economistas da USC, alcanzou unha produción de 4.300 millóns de euros, máis do dobre que na edición de 2011.

As relacións comerciais con outros países supoñen unha achega importante ao valor global deste sector na Galiza que, segundo reflicten as táboas, fan que o volume económico xeral engadindo os produtos comercializados desde a Galiza rolde os 9.000 millóns de euros, incluíndo as importacións, o que supón a maior cifra da historia.

Un potencial que tamén se ve na influencia do sector do mar no resto de actividades da economía, pois 76 das 83 ramas da actividade económica galega gardan relación co sector marítimo-pesqueiro.

O mar e as súas industrias son, deste modo, a cuarta actividade con maior presenza na economía galega, cun peso no Produto Interior Bruto (PIB) que rolda 5%, xogando un papel importante na vertebración do territorio e na fixación de poboación no litoral.

A panorámica socioeconómica debuxada polos economistas do grupo de investigación da USC da cadea mar-industria galega permite ter unha visión máis completa e actual da dimensión deste complexo e das súas múltiples interrelacións cos distintos sectores económicos.

Ao tempo, o traballo desenvolto facilita a toma de decisións estratéxicas tanto para o propio sector como para o desenvolvemento de medidas por parte das Administracións públicas que redunden no seu beneficio.

Comentarios