A Comisión Europea desbota suspender o veto á pesca de fondo porque é "a mellor decisión" mais ábrese a "revisalo" en novembro

Goberno español e Xunta cruzan acusacións mentres o BNG reclama unha "fronte común" para defender o sector pesqueiro galego.
Pescadores no peirao de Burela, en abril de 2021 (Foto: Carlos Castro / Europa Press) #pesca #frota #poem #eólicamariña #sectorpesqueiro #economía
photo_camera Pescadores no peirao de Burela. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O comisario europeo de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevicius, negou esta segunda feira anular o veto á pesca de fondo en zonas mariñas protexidas mais asegurou ao Estado español, Francia e Irlanda que "revisará" a decisión "se así o avalan os datos científicos" que se farán públicos o próximo novembro, logo de que estes países pedisen ao Executivo comunitario a revisión da decisión.

"Esperamos o primeiro ditame científico revisado en novembro, e se se xustifica, revisarase o fechamento de certas zonas", sinalou Sinkevicius nun debate cos ministros de Agricultura e Pesca da UE, durante cuxa intervención advertiu de que non se pode "anticipar o contido da recomendación científica".

Neste senso, o comisario refírese á publicación o próximo novembro por parte do Consello Internacional para a Exploración do Mar (Ices, polas súas siglas en inglés) dun informe de avaliación desas zonas mariñas vulnerábeis. "A Comisión entende perfectamente que este acto de execución non fose ben recibido por todos os interesados", indicou o comisario de Pesca, que recalcou que é a "mellor decisión posíbel" xa que se basea no "mellor ditame científico dispoñíbel" e nos "mellores" e "máis recentes" datos.

Respecto da queixa manifestada por algúns países de que a decisión se basea en datos científicos desactualizados, cuestión denunciada polo ministro español Luis Planas, Sinkevicius respondeu que o informe se baseou nos datos proporcionados polos Estados membro do ICES. "Estamos no comezo dun proceso, posto que se vai a revisar este informe científico cada ano para ter en consideración os datos máis recentes dos Estados membro", indicou o comisario de Pesca.

Nun paso máis, Sinkevicius lembrou que esta decisión se tomou con catro anos de "atraso" e engadiu que se analizou a actividade pesqueira en determinadas zonas antes de proceder a "protexer os ecosistemas vulnerábeis".

Quintana: "En dez anos haberá frotas rusas ou chinesas"

A conselleira galega do Mar, Rosa Quintana, saíu ao paso destas declaracións advertindo dos efectos de que "desapareza a frota", algo que ocasionaría que "desapareza toda a cadea de arrastre". "Non é só imos pescar e xa está, a partir de aí empeza unha cadea até ter esa repercusión de influír en 76 ramas", dixo.

"Tomar decisións de 'agora féchoo todo e dentro de dez anos volvo, avalío e miro a ver o que hai'... Se cadra o que hai son frotas rusas ou chinesas pescando onde antes pescaban frotas comunitarias", aseverou.

Neste sentido, puxo o exemplo "moi concreto" do caso da sardiña, para a que "hai anos a Comisión Europea expuña o peche". "Conseguimos convencelos de que aprobasen un plan de xestión e en cinco anos está nos seus mellores momentos e non se parou a actividade, baixamos o ritmo", explicou.

Tamén abordou esta cuestión o portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy, que instou o Goberno español a recorrer este veto e asegurou que a Xunta da Galiza "estará disposta a colaborar".

Rodil pide unha "fronte común"

Desde a oposición, a viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, fixo un chamamento a armar unha "fronte común" entre o sector mar-industria e os distintos gobernos, tanto o galego como o estatal, contra esta medida restritiva que entrará en vigor o próximo 9 de outubro.

Preguntada a respecto diso nunha rolda de prensa ofrecida esta segunda feira, Rodil queixouse de que, se se chegou a este punto, é porque "alguén non fixo o seu traballo antes".

En calquera caso, ante a posibilidade de que o 9 de outubro finalmente entre en vigor, chamou os gobernos a "unir todas as forzas" para defender un un sector que é "tan importante" para a Galiza. "Dános de comer a todas todos os días", sentenciou.

"Que está a facer Rueda", pregunta Torrado

Na mesma liña apuntou o viceportavoz do PSdeG na Cámara galega, Julio Torrado, que exixiu ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que "se dirixa aos seus compañeiros de partido" na Comisión Europea, onde hai "maioría conservadora", para frear o veto.

"Preguntámonos que está a facer o señor Rueda sobre isto e se vai esperar a mañá", insistiu Torrado, quen non en balde, como xa o fixo a semana pasada o líder do PSdeG, Valentín González Formoso, culpou desta decisión sobre a pesca de arrastre a un informe elaborado polo eurodeputado do PP español Gabriel Mato.

Comentarios