Marcelino Fernández Mallo, economista e escritor: "Sábese desde hai anos do risco de desabastecemento"

Nun momento de suba de prezos e problemas económicos para o sector agrogandeiro, a soberanía alimentaria volve estar no albo do debate público. 'Nós Diario' conversa co economista, analista e escritor galego Marcelino Fernández Mallo arredor do concepto de soberanía alimentaria e da produción agraria na Galiza.
O economista, analista e escritor Marcelino Fernández Mallo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O economista, analista e escritor Marcelino Fernández Mallo. (Foto: Nós Diario)

—Fálase moito de soberanía alimentaria, mais, que quere dicir exactamente este concepto e cal é a súa importancia? 

É un concepto algo confuso no sentido de que se entendería por este a capacidade dun territorio de satisfacer todas as súas necesidades alimentarias a partir dos produtos producidos dentro dese mesmo territorio. Digo que é confuso porque as necesidades alimentarias dependen das expectativas do propio consumidor, é dicir, se alguén considera que o mango forma parte da súa dieta e non hai ese froito na zona onde reside, pois xa se estaría renunciando á soberanía alimentaria. Entón eu creo que máis que de soberanía alimentaria hai que falar de autonomía alimentaria.

—E cal é a diferenza? Que é a autonomía alimentaria?

Sería a capacidade de ter unha dieta adecuada cos produtos que se producen na túa zona. Evidentemente ten un matiz con respecto ao concepto de soberanía alimentaria. Se se queren satisfacer todas as demandas dun grupo de consumo é case imposíbel que se obteña a soberanía alimentaria, pero se o obxectivo é cumprimentar unha dieta adecuada cos produtos da túa zona si que sería unha meta á que se pode chegar, porque é posíbel que cos produtos que se teñen arredor se chegue ás capacidades nutricionais que un ser humano precisa.

—Considera que existe  risco de desabastecemento de alimentos?

Sen ningún tipo de dúbida, como estamos vendo, atopámonos nun momento no que existe unha importante crise do cereal pola invasión de Ucraína. Mais sábese desde hai bastantes anos que pode haber un problema de desabastecemento por unha serie de tendencias imparábeis que están sucedendo no planeta.

A primeira desas tendencias é obvia, o quecemento global, que implica dúas consecuencias directas. Por unha parte, o quecemento implica unhas características climáticas que cambian e, por tanto, pode ocorrer que un territorio teña un clima apto para un cultivo e que dentro de 15 ou 20 anos non o teña, o que pode levar a ter que prescindir dese cultivo. Ademais, polo cambio climático vai haber territorios que se van ver asolagados pola auga, outros que van sufrir o crecemento do mar ou casos nos que se van sufrir as consecuencias de importantes secas e outros episodios meteorolóxicos e catástrofes naturais como poden ser os incendios. Non sabemos até onde van chegar as consecuencias do cambio climático no futuro pero temos claro que vai incidir na capacidade de produción. 

Se engadimos o que está pasando, que un cultivo básico como son os cereais depende nunha proporción tan importante de dous países que entran en conflito, aí xa temos o problema multiplicado, loxicamente.   

—Cales son os produtos que consumimos regularmente e corren agora mesmo perigo de desabastecemento?

Case calquera produto agroalimentario está en risco, en especial os de orixe vexetal. Os cereais son unha obviade, eu mesmo alertei hai moitos anos de que a Galiza estaba nunha máxima situación de vulnerabilidade de cara ao cereal. Para mostra un dato publicado no INE, 12% da superficie do Estado dedícase a cereais de consumo humano mentres que na Galiza 1%. Non hai fariñas galegas e a fariña é materia primaria do pan e doutros moitos produtos. Tamén temos outras liñas de produción agraria practicamente abandonadas como as leguminosas, as poliarxinosas e as oliveiras, das que non temos practicamente produción. De todo o que é graxa vexetal, fundamental para a dieta, non temos, e iso fainos moi vulnerábeis.

Vulnerabilidade nos produtos agrarios

Marcelino Fernández Mallo alerta da "enorme vulnerabilidade" que a Galiza ten en canto a produtos agrarios de consumo humano. Mallo achaca esta situación ao que aconteceu no pasado, a unha decisión de estratexia económica nun momento determinado na que se optou por abandonar os cultivos.

Como proba resalta o feito de que tan só 44 panadarías pertencentes a un total de 14 empresas vaian explotar o selo da Indicación Xeográfica Protexida do pan galego, un feito que para o economista proba que non hai cereais galegos suficientes e unha situación que concorda co feito de que na Galiza a superficie dedicada ao cultivo de trigo é de arredor do 0,5%, en contraste co 4% no Estado, cando é unha especie que se dá perfectamente no noso territorio, sinala. Caso que tamén sofre o millo, do que explica que se abandonou tendo unhas condicións ideais para o seu cultivo no país.

Comentarios