As confrarías avanzan mobilizacións contra o veto da Unión Europea á pesca de fondo en 87 caladoiros

Por outra parte, o pleno da Deputación de Lugo aproba por unanimidade tres mocións orientadas a defender os intereses do sector pesqueiro.
A Unión Europea considera o veto "a mellor decisión posíbel". (Foto: Westside)
photo_camera A Unión Europea considera o veto "a mellor decisión posíbel". (Foto: Westside)

O presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores e patrón maior do porto de Burela, Basilio Otero, avanzou esta terza feira a convocatoria de mobilizacións polo veto da Unión Europea á pesca de fondo.

"Temos que facer algunha acción social, isto non pode quedar só con papeis ou recursos", advertiu Otero, quen defendeu que é preciso que se vexa "realmente" que o sector está preocupado. "Témonos que mover, non podemos quedar na bonhomía de mandar un papel e reclamar. Temos que darlle unha volta a isto", advertiu.

Aliás, explicou que "caben dous tipos de mobilizacións", unha que pasaría por ir protestar a Bruxelas e outra por levar as súas queixas a Madrid "ao Paseo da Castellana, onde se atopa a representación permanente" que ten a UE no Estado español.

Seguidamente, Basilio Otero aplaudiu a intervención do ministro de Agricultura e Pesca, Luis Planas, quen "foi realmente duro, nun contexto dun Consello de Ministros da Unión Europea, apoiado por Francia e Irlanda".

"Non podemos quedar na casa ante unha agravio de tal magnitude", incidiu o patrón maior. Ao mesmo tempo, sinalou que se trata dunha comarca "especialmente tocada" polo veto, ao que hai que sumar que hai "moitos [barcos] pincheiros que traballan" en zonas onde se aplica a prohibición da pesca de fondo.

"Ao final afecta toda a Galiza. Isto vai facer que os barcos que traballaban aí teñan que desprazarse a outras zonas e iso vai influír noutras artes de pesca", avisou. Só na Mariña, poderanse ver afectados perto dun centenar de embarcacións e uns mil empregos.

Unanimidade na Deputación de Lugo

Pola súa parte, o pleno da Deputación de Lugo aprobou esta terza feira, co voto favorábel de todas as forzas políticas —PSdeG e BNG, no goberno, e PP, na oposición—, tres mocións presentadas por cada un dos grupos na defensa da frota galega.

"Imos rexeitar esa política europea e estamos plenamente convencidos de que o que dixo o ministro  vai saír adiante, vai pelexar xudicialmente e vai gañar contra esa normativa que sacou este comisario lituano [Virginijus Sinkevicius]", esgrimiu o presidente da Deputación, José Tomé.

A vicepresidenta, a nacionalista Maite Ferreiro, lamentou que isto "vén dado das políticas da Unión Europea que ningún Goberno central soubo defender, e desde logo a Xunta tamén se apartou da defensa dos intereses, neste caso, da pesca". "É un desmantelamento que non é novo e agora vemos a boca do lobo", denunciou.

E Javier Castiñeira, portavoz popular, argumentou que este é un tema que "afecta a Mariña", afeando que botaba en falta "a presenza do presidente da Deputación" neste debate. "Non temos constancia dunha reunión de Tomé co sector", sinalou.

Comentarios