A inflación baixou no Estado español até 8,3% en abril, 1,5 puntos porcentuais menos que en marzo

A ministra Nadia Calviño adiantou o dato durante o acto de clausura da xornada 'Fondos europeos de recuperación: os principais proxectos, ao detalle'.
A vicepresidenta primeira do Goberno español, Nadia Calviño. (Foto: Europa Press)
photo_camera A vicepresidenta primeira do Goberno español, Nadia Calviño. (Foto: Europa Press)

A vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, avanzou esta cuarta feira que o Indice de Prezos de Consumo (IPC) de abril, que se dará a coñecer na sexta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE), descendeu unha décima até situarse en 8,3%.

O pasado mes de marzo, o dato do IPC situárase en 9,8%, polo que tivo lugar unha baixada de 1,5 puntos porcentuais.

Calviño afirmou que  o dato de 8,3% segue a ser "inaceptábel", e asegurou que o Goberno fará "todo o posíbel" para que a inflación alcance os niveis previstos polo Banco de España e o Banco Central Europeo, próximos a 2% o vindeiro ano.

A ministra adiantou o dato durante o acto de clausura da xornada 'Fondos europeos de recuperación: os principais proxectos, ao detalle'.

Marco normativo de "atracción de investimento"

Calviño tamén manifestou que o Estado español desenvolverá este ano un marco normativo que o colocará "entre os países máis modernos e cunha maior capacidade de atracción de investimento e talento".

A titular de Asuntos Económicos desagregou brevemente o catálogo de reformas que o Goberno pretende culminar nos vindeiros meses. 

Entre elas, están a Lei de Telecomunicacións, a de Audiovisual, a de creación e crecemento empresarial, a de 'startups' ou a reforma concursal.

"Con iso teremos este ano en 2022 a velocidade de cruceiro", concluíu a vicepresidenta primeira do Executivo de Pedro Sánchez.

Comentarios