O IPC bate todas as marcas dos últimos anos e sobe até 10,5% na Galiza

Vivenda, transporte e alimentación lideran o aumento dos prezos na Galiza, onde a taxa interanual do IPC é 0,7 puntos superior á media estatal.
O prezo das froitas rexistrou unha importante alza durante este ano. (Foto: Europa Press)
photo_camera O IPC interanual encadea a súa décimo quinta taxa positiva consecutiva. (Foto: Europa Press)

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) subiu 3% en marzo a nivel estatal en relación ao mes anterior e elevou deste modo a súa taxa de variación interanual máis de dous puntos, até 9,8%, o seu valor máis alto en 37 anos, concretamente desde maio de 1985, segundo os datos definitivos publicados esta cuarta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Co dato de marzo, que coincide coas cifras avanzadas a finais do mes pasado polo INE, o IPC interanual encadea a súa décimo quinta taxa positiva consecutiva.

No caso concreto da Galiza, o índice de prezos dispárase por riba da media, até 10,5%, o maior dato desde 1984. É a quinta maior taxa do Estado español tras os rexistros de Castela-A Mancha (11,7%), Castela e León (11%), Aragón (10,7%) e A Rioxa (10,6%).

No extremo oposto fican Ceuta (7,8%), Canarias (8,4%), Madrid (9%) e Melilla (9,2%).

En comparanza co mes de febreiro a taxa interanual medra de forma considerábel tanto a nivel estatal (2,2 puntos máis) como no caso galego (sobe 2,5 puntos).

A variación mensual do IPC tamén é superior na Galiza que no conxunto do Estado, xa que en marzo deste ano os prezos rexistraron un aumento de 3,3% a respecto do mes anterior, fronte ao dato de 3% estatal.

Vivenda e transporte lideran a suba

O maior incremento anual do IPC galego produciuse na vivenda (38,9%) e o transporte (19,1%), seguidos de alimentación (6,7%), hostalaria (5,5%), enxoval (5,1%), bebidas alcólicas e tabaco (4%), medicina (2%), roupa e calzado (1,5%), ensino (1,3%), lecer e cultura (1,1%) e outros bens e servizos (3,1%), mentres só cae o custo das comunicacións (-0,5%).

Comentarios