A inflación leva por diante as melloras salariais dos últimos anos

A inflación escala en marzo a cifras de hai 37 anos alcanzando 10,5% na Galiza, sete décima máis que no Estado español.
A evolución do IPC nos próximos meses vai depender dos prezos dos carburantes, agora bonificados polos descontos estatais (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press).
photo_camera A evolución do IPC nos próximos meses vai depender dos prezos dos carburantes, agora bonificados polos descontos estatais (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press).

A consecuencia directa máis inmediata do aumento da inflación é a perda de poder adquisitivo das familias. A suba do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) a 1.000 euros ─lonxe aínda do que marca a Carta Social europea─ parecía que ía aliviar a economía dos fogares, mais a suba dos prezos dos últimos meses levou por diante as últimas melloras.

Eses 1.000 euros representan agora menos de 900 de poder real de compra, o que supón retroceder varios anos atrás, até 2018, cando o SMI estaba por debaixo desa cantidade (735,9 euros).

Esta situación agudízase no caso da Galiza, onde o salario medio é inferior ao do Estado español (19.900 euros fronte a 20.503 no ano 2020) e, ao mesmo tempo, a inflación e sete décimas maior (10,5% no país fronte a 9,8% de medida estatal), o que fai que a perda de poder adquisitivo sexa aínda máis acusada.

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) marcou en marzo o seu valor máis alto en 37 anos. Desde outubro de 1984, a Galiza non rexistrara outra vez unha inflación de máis de dous díxitos. O pasado mes, a variación interanual dos prezos situouse en 10,5%, após subir 3,3% en relación a febreiro, sete décimas por riba da media estatal que, como avanzara o Instituto Nacional de Estatística (INE), fechou marzo en 9,8%.

Detrás deste forte incremento da inflación ─sobe 2,5 puntos respecto ao indicador interanual de febreiro, mes no que o IPC medrou 8% na Galiza─ está o aumento dos prezos na vivenda (38,9%) ─inclúe a enerxía e os combustíbeis─ e o transporte (19,1%), seguidos de alimentación (6,7%), hostalaría (5,5%), enxoval (5,1%), bebidas alcólicas e tabaco (4%), medicina (2%), roupa e calzado (1,5%), ensino (1,3%), lecer e cultura (1,1%) e outros bens e servizos (3,1%), mentres que só caeu o custo das comunicacións (-0,5%).

O conflito entre Rusia e Ucraína tivo especial incidencia na alza dos prezos en marzo, sobre todo en alimentos como o aceite de xirasol ou a pasta e as fariñas ─ambos os Estados son grandes exportadores de cereais─ e na enerxía, pola dependencia de Europa do gas natural ruso, que viu incrementada a súa cotización desde o inicio da guerra. 

Os carburantes mandan

Esta situación provocou que marzo fechara como o mes co prezo da luz máis caro da historia. Porén, nas primeiras semanas de abril, a enerxía parece ter contido a súa escalada, ao que podería axudar tamén o plan de España e Portugal para desligar o gas do sistema de fixación de prezos, proposta pendente da aprobación de Bruxelas. 

E se a enerxía é un recurso transversal (a suba do prezo fai aumentar os custos de produción doutros bens e servizos), cos combustíbeis pasa igual. Sábeno ben os transportistas e as confrarías de pescadores, que o pasado mes pararon a súa actividade para denunciar a imposibilidade de desenvolver o seu traballo sen incorrer en perdas. 

Estas protestas motivaron unha viraxe nas políticas do Goberno español, que se viu obrigado a artellar unha política de descontos para rebaixar o impacto do prezo dos combustíbeis na economía. 

Con todo, houbo estacións de servizo que presuntamente trataron de compensar esa rebaixa elevando os importes nas datas previas á entrada en vigor da medida, unha práctica denunciada onte pola asociación de consumidores Facua, que ten detectados catro casos na Galiza.

Cambio de tendencia

Estas rebaixas nos prezos dos carburantes, que tamén coinciden coa baixada da cotización do barril Brent ─de referencia en Europa─ e dos prezos da enerxía, aínda sen a rebaixa que propoñen España e Portugal, podería converter o dato de marzo no pico da escalada. 

Así o cren desde a fundación das caixas de aforro (Funcas), que agarda valores altos até final de ano. Todo vai depender do comportamento dos combustíbeis. De momento a demanda baixa, algo ao que está a contribuír o confinamento nas grandes cidades chinas pola Covid, con millóns de vehículos parados.

Comentarios