A Galiza, á cabeza na suba da inflación

En comparación cos datos de xaneiro, o IPC rexistrou unha suba de 0,7%, aumentando a súa taxa anual en 1,2 puntos. A Galiza é a autonomía onde menos creceu ese dato.
Os prezos da alimentación son os terceiros que máis aumentan. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Os prezos da alimentación son os terceiros que máis aumentan. (Foto: Nós Diario)

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) rexistrou un incremento internanual no mes de febreiro de 8% na Galiza, o que sitúa a inflación no noso país catro décimas por enriba da media do Estado español, en 7,6%, segundo os datos publicados nesta sexta feira polo Instituto Nacional de Estatítistica (INE), recollidos por Europa Press.

En comparación cos datos de xaneiro, o IPC rexistrou unha suba de 0,7%, aumentando a súa taxa anual en 1,2 puntos. A Galiza é a autonomía onde menos creceu ese dato.

A situación de incerteza derivada da ofensiva militar do exército ruso en solo ucraíno, sumado ao aumento constante do prezo da enerxía desde o comezo da pandemia, provocan que na Galiza a vivenda sexa unha vez máis a que maior inflación rexistra, cunha subida de 29,4%, seguida polo transporte (+12,8%) e os alimentos e bebidas non alcólicas (+5,4%).

Datos estatais

No conxunto do Estado español, o IPC subiu en febreiro en 0,8% en relación ao mes de xaneiro, e 1,5 puntos en canto á taxa interanual, até 7,6%. Este dato é o máis alto dos últimos 36 anos

A taxa interanual do IPC rexistrada en febreiro (7,6%) é dúas décimas superior á avanzada a finais do mes pasado polo INE (7,4%). No caso da taxa mensual (+0,8%), a cifra final tamén é dúas décimas superior á que informa Estatística (+0,6%).

Cos datos de febreiro, o IPC interanual encadea a súa décimo quinta taxa positiva consecutiva e suma tres meses seguidos a taxas superiores a 6%, niveis que non se alcanzaban en tres décadas.

Segundo Estatística, a suba interanual do IPC até 7,6% débese aos prezos da electricidade, que caeron menos que en febreiro de 2021; o aumento dos prezos dos restaurantes, e o maior custo do gasóleo para calefacción, combustible, automóbiles e algúns alimentos, como as leguminosas e as hortalizas; leite, queixo e ovos, e pan e cereais.

Comentarios