O Índice de Prezos de Consumo (IPC) subiu un 3% en marzo en relación ao mes anterior e elevou a súa taxa interanual máis de dous puntos, até 9,8%, o seu valor máis alto en 37 anos, concretamente desde maio de 1985.
Co dato de marzo, o IPC interanual encadea a súa décimo quinta taxa positiva consecutiva, segundo os datos avanzados esta cuarta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).
Segundo Estatística, o aumento do IPC interanual de marzo até 9,8% débese ás subidas "xeneralizadas" na maioría dos seus compoñentes, destacando a repunta dos prezos da electricidade, os carburantes e os alimentos e bebidas non alcohólicas, maiores en marzo deste ano que no mesmo mes de 2021.
O INE incorpora no avance de datos do IPC unha estimación da inflación subxacente (sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos), que aumentou en marzo catro décimas, até 3,4%, o seu valor máis alto desde setembro de 2008. Deste xeito, a subxacente sitúase máis de seis puntos por baixo da taxa do IPC xeral.
Os prezos, disparados
En taxa mensual, o IPC rexistrou en marzo un incremento de 3% respecto a febreiro, a súa maior alza mensual en calquera mes desde 2002, cando se cambiou a metodoloxía desta estatística para recoller mellor a evolución do mercado.
Botando a vista máis atrás, tomando series anteriores, a repunta mensual de marzo é a máis elevada desde agosto de 1977.
No terceiro mes de 2022, o Índice de Prezos de Consumo Harmonizado (IPCA) situou a súa taxa interanual en 9,8%, máis de dous puntos por encima da de febreiro.
Pola súa parte, o indicador adiantado do IPCA avanzou un 3,9% en taxa mensual.
Os datos definitivos do IPC de marzo coñeceranse o próximo 13 de abril.