Industria agardará polo TSXG para tomar medidas sobre Alcoa

Maroto asegura que o que ditamine o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza sobre o ERE de Alcoa dará pé convocar a mesa multilateral e a definir os pasos a seguir
A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto (Europa Press)
photo_camera A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto (Europa Press)

O pasado sábado, milleiros de persoas saíron ás rúas de Lugo para pedir algo de acción ás Administracións en relación con Alcoa. Os traballadores da factoría de San Cibrao, en Cervo, levan semanas agardando por un movemento rápido e contundente, igual que no seu día foi o anuncio do ERE por parte da multinacional norteamericana, unha medida que deixa no aire o futuro da fabricación de aluminio no Estado español e tamén o de toda a comarca da Mariña.

Nas últimas semanas, tanto a Xunta como o Ministerio de Industria centraron os seus esforzos en deixar claro que desta vez irán da man, mais non se sabe moi ben a onde queren chegar. Limítanse a dar respostas ambiguas, como que estudan todas as alternativas. Pero o que os traballadores queren oír é que van intervir a planta para salvar os empregos e a actividade, algo que a Xunta xa dixo que deixaría como última opción.

Desde o comité advertían a semana pasada de que a multinacional podería empezar en calquera momento a comunicar os despedimentos aos 524 empregados da factoría de aluminio primario afectados polo ERE. Non ían agardar a que se resolvese a petición de medidas cautelares solicitada pola representación dos traballadores e que está previsto que se aborde nunha vista fixada no Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) para esta cuarta feira.

Á espera do TSXG

Pero nin á Xunta nin ao Ministerio de Industria parece preocuparlles esta realidade. De feito, a ministra Reyes Maroto dixo nunha recente entrevista radiofónica que xa vería cales serían “os seguintes pasos” a dar respecto da planta de Alcoa unha vez se pronuncie o TSXG sobre ditas medidas cautelares. 

Unha vez máis, a ministra volveu incidir no feito de que no seu departamento traballan “en todas as alternativas”, incluída a da intervención a través da SEPI, como xa intentaran durante as negociacións coa multinacional norteamericana para a venda da factoría. 

“O Goberno español está aquí para manter os postos de traballo e as capacidades produtivas. Esa planta é estratéxica. É a única de aluminio primario en toda España, e como estratéxica que é o son tamén os seus postos de traballo”, defendeu.

Con todo, Maroto insistiu en que o que ditamine o Alto tribunal galego será chave para convocar a próxima mesa multilateral, reclamada polos traballadores e adiada sen até o de agora xustificación. “Teremos aí xa os argumentos para ver cales serán os seguintes pasos”, xustificou a ministra.

Por último, ao ser cuestionada pola devolución dos 50 millóns de euros que recibiu Alcoa en axudas públicas nos últimos anos, a titular de Industria indicou que a Avogacía do Estado está a analizar “se están suficientemente xustificadas” e avanzou que “nos próximos días faremos público se as teñen que devolver ou non”.

“Alcoa equivocouse ao non aceptar unha compra triangular. É algo que todos compartimos, e seguimos cun diálogo coa multinacional trasladándolle as distintas opcións, porque eles tamén gañan se esa planta se mantén”, concluíu.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios