Núñez Feixoo sitúa a intervención de Alcoa como última opción

Con alta tensión decorreu o debate no Parlamento entre o presidente da Xunta e a líder da oposición. Ana Pontón urxiu a intervir Alcoa para impedir o fechamento e os despedimentos na fábrica, ante un Feixoo que ve a empresa en "prazo de rectificar" e que segue apostando pola fracasada venda 
Pleno de onte no Parlamento da Galiza.
photo_camera Pleno no Parlamento da Galiza.

A intervención pública da Xunta e do Estado sobre a fábrica de aluminio da multinacional Alcoa en San Cribrao (Cervo) é para o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo,  a última das opcións que enumerou dentro das estratexias para evitar o fechamento da factoría anunciado pola empresa. 

Interpelado pola líder da oposición e portavoz do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, o mandatario galego  expuxo que a liña de actuación pasa, en primeiro lugar, pola venda da factoría de forma directa a Liberty House (compañía que está interesada na compra), e de non ir avante esta vía, a venda debe producirse á SEPI (para que logo esta sociedade pública estatal venda a factoría a Liberty House).

E, se estas vías non funcionan, "a intervención é unha solución", recoñeceu finalmente o presidente. "De acreditarse a mala fe" da multinacional para fechar a fábrica e impedir que se venda a outra compañía para así eliminar competencia, Feixoo asegurou que, en tal caso, o Goberno de España terá unha petición formal para intervir a compañía. Con todo, o popular asegurou no pleno do Parlamento galego desta cuarta feira, 7 de outubro, que "Alcoa está en prazo de rectificar". 

O BNG pide "pasar á acción" e intervir Alcoa

"A venda non é posíbel", espetou Pontón a Feixoo. "Estamos no punto de desconto para saber a decisión empresarial de Alcoa e vostede ten que dicir se están traballando ou non na intervención e se a Xunta vai participar da mesma", interpelou a nacionalista ao presidente. 

"A estratexia da empresa está clara: a multinacional quere fechar a planta porque non quere deixar competencia, e con chularía e prepotencia deixan claro que están por riba dos Gobernos galego e do Estado español. O que se necesita agora é que o Goberno pase á acción e a única medida que pode salvar o emprego e a industria deste país é que haxa unha intervención pública", aseverou Pontón.

A nacionalista recordou que se Alcoa fecha "non só van á rúa 1.000 traballadoras e traballadores, senón que tamén se estaría a asinar a acta de defunción da Mariña, porque un país sen industria é un país sen futuro". Por iso, a líder da oposición recalcou que "cada minuto que pasa sen pór sobre a mesa a intervención pública é tempo que gaña Alcoa para fechar a planta e despedir o persoal". 

A portavoz do Bloque aclarou que “esa intervención pública é posíbel, viábel e legal" e que só é preciso para levala a cabo "ter vontade política". 

A mesma vontade, dixo, "que tivo o Goberno italiano para salvar unha fábrica similar na Cerdeña ou a mesma vontade que tivo Angela Merkel en Alemaña para nacionalizar Lufthansa”, destacou. Ademais puxo como exemplos o rescate da banca no Estado "con 90.000 millóns de euros ou o rescate das radiais madrileñas con 5.000 millóns".

Ademais, no Parlamento, Pontón mantivo un encontro con representantes dos traballadores de Alcoa. 

"Cemento armado" no Parlamento galego

O presidente da Xunta acusou o BNG de non estar "á altura" na defensa dos intereses das e dos traballadores de Alcoa. Núñez Feixoo xustificouse para esa afirmación no acordo que o Bloque subscribiu co PSOE para apoiar a  investidura de Pedro Sánchez a cambio da implicación do Estado nunha solución para a fábrica da Mariña. Ante esas palabras, a líder do BNG, Ana Pontón, acusou Feixoo de ter "a cara de cemento armado" e asegurou que si estiveron "á atura e seguiremos".

Nesa liña, a nacionalista reprochou o líder da Xunta por estar "calado" cando o PP aprobou un "marco enerxético que puxo contra as cordas" o sector industrial galego e afeoulle que "votase sistematicamente" en contra dunha tarifa eléctrica galega. Ana Pontón advertiuno ademais de que "non pode ensinar ningún acordo para Galiza porque ten dez deputados secuestrados na estratexia de Pablo Casado".

Caballero insta a pór fin ao desgoberno de Ourense

O presidente da Xunta abriu a porta a desbloquear o Concello de Ourense, asegurando que a súa formación neste municipio ten "liberdade para pactar" un Goberno alternativo ao que lidera o alcalde Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensá). Feixoo preguntou acto seguido se o PSdeG dá tamén esa liberdade á súa agrupación en Ourense. 

Así respondeu o mandatario galego ao líder do Partido Socialista, Gonzalo Caballero, que cargou no pleno contra Feixoo por o PP ter investido Jácome como alcalde de Ourense e "agora manter bloqueado o Concello cunha Xunta de Goberno que só contra con tres edís". 
Caballero criticou a Feixoo por ter posto "á fronte da cidade a quen o popular consideraba letal para Ourense [en referencia ás palabras coas que Feixoo se referiu a Jácome na campaña das eleccións municipais], seguindo o Baltarismo", motivo polo que para o socialista o presidente da Xunta é "responsábel" da crise de Goberno en Ourense. 

Durante o pleno, Caballero preguntou a Feixoo se "recoñecía o erro de ter colocado Jácome á fronte da cidade, se consideraba grave a ingobernabilidade de Ourense, e que pensaba facer para solucionala". Pola súa banda, o mandatario galego atacou o PSdeG por pedir que na cidade das Burgas o PP permita gobernar a lista máis votada (a socialista) cando noutros concellos impiden con pactos que os populares ostenten Alcaldías a pesar de seren a candidatura máis apoiada. A conto diso, Caballero trouxo á palestra os pactos do PP coa ultradereita para liderar Executivos como o de Madrid. 

Comentarios