sábado 31/10/20

Alcoa anuncia o despido de 524 empregados e a hibernación das cubas

Alcoa vén de anunciar que aplicará un despido colectivo que afectará 524 traballadoras e traballadores e a hibernación ordenada das cubas de electrólise da planta de alumino de San Cibrao (Cervo).

Unha das últimas protestas dos traballadores de Alcoa, en Xove (Imaxe: Europa Press).
Unha protesta dos traballadores e traballadoras de Alcoa en Xove (Imaxe: Europa Press).

A catro días de concluír o prazo de 15 xornadas que se dera tras o fracaso das negociacións para a venda da factoría e despois de que as conversas co comité de empresa para o expediente de regulación non chegasen a ningún acordo, Alcoa anunciou o despido colectivo de 524 traballadoras e traballadores.

Precisamente, esta sexta feira a autoridade laboral enviara unha advertencia á empresa na que lle recriminaba ter infrinxido o deber de boa fe contractual durante a negociación deste despido colectivo.

Indemnizacións

No comunicado de prensa, Alcoa avanza a súa intención de abonar indemnizacións de 30 días por ano traballado até un máximo de doce mensualidades aos empregados afectados e de contratar plans de recolocación externa para eles.

A empresa prevé que “a hibernación ordenada das cubas conclúa no primeiro trimestre de 2021". E indica que manterá 99 empregados "operando unha parte da fundición".

"De acordo co que compartimos coas partes interesadas ao longo deste proceso, a desafortunada realidade é que a planta de aluminio de San Cibrao non é competitiva e non prevemos que cambien os seus importantes problemas estruturais", destaca a través do comunicado de prensa o presidente e conselleiro delegado de Alcoa, Roy Harvey.

A planta de aluminio de San Cibrao, segundo Alcoa, "non é viábel debido a factores produtivos estruturais, como a ausencia dun marco enerxético competitivo en España, a  sobrecapacidade mundial na produción de aluminio e caída do prezo do aluminio".

O anuncio do despedimento vai provocar un forte impacto na economía da Mariña. Precisamente, no día de onte, a Federación Galega de Comercio, a través do seu presidente, alertaba dos prexuízos do fechamento.

Alcoa escúdase nas perdas cando rexistrou millóns de beneficios

Na nota de prensa, Alcoa informa de que durante o presente ano e até o 30 de setembro, a planta de aluminio primario rexistrou, segundo os seus números, unhas perdas de "aproximadamente 45 millóns de dólares" e que en 2018 e 2019 as perdas "combinadas" ascendían a 126 millóns.

A multinacional estadounidense comprara á Sociedade estatal de Participacións Industriais (SEPI) en 1998 varias plantas, entre elas as dúas galegas, pagando menos de 400 millóns de euros. Desde 1998 a 2011 a compañía gañou 1.500 millóns de euros. Beneficios que tamén reixstrou nos últimos exercicios (200 millóns de euros na de San Cibrao en 2018). Por outra banda, nunha década recibiu máis de 1.000 millóns de euros en axudas.

O papel da Galiza e do Estado

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, afirmaba en sede parlamentar a pasada cuarta feira que a intervención de Alcoa era "a última opción" que contemplaba para a factoría de San Cibrao (Cervo).

Preguntado pola líder da oposición e portavoz do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, Feixoo expuxera que a liña de actuación pasa, en primeiro lugar, pola venda da factoría de forma directa a Liberty House, a compañía que estaba interesada na compra, e de non ir avante esta vía, a venda debería producirse á Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), para que logo esta sociedade pública estatal venda a factoría a Liberty House. Nas negociacións cos sindicatos, Alcoa xa evidenciara que non lle interesaba a venda da fábrica, pois suporía ter un novo competidor no mercado.

O pasado 11 de setembro, PSOE e PP votaron en contra dunha iniciativa presentada polo BNG no Congreso na que se apostaba, no caso de fracasar a negociación para a venda da factoría, pola intervención pública para a nacionalización da planta de aluminio de forma que se garantise a continuidade da actividade e dos postos de traballo.

A favor da nacionalización pronunciouse desde un primeiro momento a CIG, cuxo secretario xeral, Paulo Carril, tomou parte das negociacións coa empresa. O sindicato chegara a presentar un estudo xurídico autoría do profesor da UDC Carlos Aymerich para promover a nacionalización.

En numerosas ocasións, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan (CCOO), transmitira, sen éxito, á Xunta e ao Goberno estatal a necesidade de actuaren conxuntamente para evitar a parada das cubas e o despido das traballadoras e traballadores.

A cronoloxía

O pasado 28 de maio, Alcoa iniciou un proceso informal de consultas cos representantes dos traballadores. O 25 de xuño comezou o proceso formal de consultas e ampliouno até o 28 de setembro mentres negociaba a posíbel venda da planta de aluminio. "A venda finalmente non se produciu, e o período de consultas concluíu sen chegar a un acordo cos representantes dos traballadores", informa a empresa no comunicado.

comentarios