A CIG insta os gobernos a “dar pasos decisivos” para intervir Alcoa

A CIG exixe aos Gobernos español e galego “dar pasos decisivos para intervir de inmediato a factoría de Alcoa en San Cibrao (Cervo) e garantir que as cubas de electrólise sigan en activo”.

Paulo Carril, secretario xeral da CIG (Nós Diario/ Arquivo)
photo_camera Paulo Carril, secretario xeral da CIG (Nós Diario/ Arquivo)

“É agora cando o Goberno español e a Xunta deben demostrar que teñen vontade política real para nacionalizar a fábrica e defender o mantemento dun sector estratéxico para o noso país como o do aluminio", puxo de manifesto o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, nunha nota de prensa após coñecerse o anuncio de Alcoa en relación ao despedimento das traballadoras e traballadores.

“A estas alturas, unha intervención pública vía expropiación, á vista de que Alcoa non quere negociar unha venda, está máis que xustificada e non existe nada na normativa galega, española ou europea que impida esta actuación”, engadiu o secretario xeral do sindicato nacionalista.

Precisamente, a CIG chegara a presentar un documento xurídico elaborado polo profesor da UDC Carlos Aymerich para demostrar que a nacionalización é legalmente posíbel. Desde o punto de vista legal, salientara Aymerich, non hai impedimento no dereito español nin europeo para que os gobernos interveñan as factorías de aluminio, "pero precísase é vontade política". 

O profesor da UDC salientara que os poderes públicos galego e español poden recorrer á recapitalización ou á toma de control público das plantas para garantir garantir o mantemento da actividade e o emprego.

Non perder o tempo

A CIG salienta que “non se pode seguir perdendo o tempo en declaracións de intencións cando Alcoa xa puxo data para os despedimentos e a parada das cubas”. "Os Gobernos teñen que actuar coa mesma contundencia e rapidez coa que o está a facer a multinacional", sinalou Carril.

Dado que as correspondentes demandas xudiciais para impugnar o ERE teñen uns tempos máis longos que os prazos marcados pola empresa, Carril puxo de manifesto que “resulta inevitábel a intervención da planta para evitar os despedimentos e que Alcoa acerne de maneira irreversíbel as capacidades produtivas do complexo industrial de San Cibrao”.

Por outra banda, a CIG insta a intensificar as mobilizacións e a manter a unidade de acción como único camiño para paralizar os plans de desmantelamento da multinacional e forzar as administracións a actuar coa urxencia e a contundencia que require esta crítica situación.

Comentarios