Goberno español, UXT e CCOO asinan un acordo para a reforma das pensións que catalogan de "histórica"

Nunha comparecencia ante a prensa na sede do Ministerio, o ministro José Luis Escrivá e os dirixentes sindicais explicaron este acordo, que leva por nome 'Acordo para a ampliación de dereitos dos pensionistas, a redución da fenda de xénero e o estabelecemento dun novo marco de sustentabilidade do sistema público de pensións'.
Unai Sordo, José Luis Escrivá e Pepe Álvarez esta cuarta feira en rolda de prensa (Foto: Isabel Infantes / Europa Press).
photo_camera Unai Sordo, José Luis Escrivá e Pepe Álvarez esta cuarta feira en rolda de prensa (Foto: Isabel Infantes / Europa Press).

O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, e os secretarios xerais de CCOO e UXT, Unai Sordo e Pepe Álvarez, respectivamente, asinaron esta cuarta feira o acordo para a segunda fase da reforma das pensións despois de que os órganos de dirección de ambos os sindicatos o apoiaran por unanimidade.

Os tres coincidiron en que se trata dunha reforma "histórica", que segundo aseguran garante a sustentabilidade das pensións e reforza a súa suficiencia e a equidade do sistema, á vez que rebateron a idea postulada pola patronal que esta reforma vai supor un lastre para a creación de emprego e a competitividade das empresas.

Nunha comparecencia ante a prensa na sede do Ministerio, o ministro e os dirixentes sindicais explicaron este acordo, que leva por nome 'Acordo para a ampliación de dereitos dos pensionistas, a redución da fenda de xénero e o estabelecemento dun novo marco de sustentabilidade do sistema público de pensións'.

Non obstante, a Confederación Intersindical Galega (CIG) considera que hai trazos da reforma que se deben mellorar. Así, en palabras do secretario xeral do sindicato nacionalista, Paulo Carril "malia o envoltorio co que nos anuncian este acordo é evidente que hai unha ampliación do período de cálculo. As dúas opcións das que se fala, 25 anos ou 29 con posibilidade de descartar dous anos, perseguen o obxectivo das anteriores reformas, recortar as contías das pensións".

A patronal

Mediante este acordo bipartito, que non contou co respaldo da Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE) e a Confederación Española da Pequena e Mediana Empresa (Cepyme) por considerar que a obtención de ingresos do sistema “cárgase ás costas das empresas, autónomos e traballadores”, e que se pon o broche “ás distintas reformas no sistema de pensións acometidas nesta lexislatura e contempladas no Plan de Recuperación español”.

A segunda parte da reforma de pensións conta co aval de Unidas Podemos, foi negociada coa Comisión Europea e é un dos fitos vinculados ao cuarto desembolso dos fondos europeos.

“Referencia”

O ministro Escrivá resaltou que esta reforma beneficiará os pensionistas actuais e de futuro, ofrecendo aos mozos unha referencia a medio e longo prazo sobre como serán as súas pensións no momento da súa xubilación.

Escrivá subliñou que a reforma "robustece" o sistema, contempla elementos "moi potentes" de equidade interxeracional, mellora dereitos e elimina "incertezas".

Así, fronte ao recorte de pensións que supuña a reforma de 2013 do Goberno do PP, Escrivá remarcou que esta reforma asegura que a pensión de entrada sexa equivalente ao 80% do último salario.

Ademais, mediante as medidas de ingresos adoptadas e dos incentivos ao atraso da xubilación, "neutralízase" o efecto para 2050 que implicaba unha redución do gasto en pensións de tres puntos do PIB. Escrivá expresou a súa confianza en que esta reforma “logre concitar o maior dos apoios entre os grupos parlamentarios”.

O ministro tamén se mostrou convencido de que esta reforma será unha "referencia internacional" e peplicou á CEOE que "en ningún caso pon en perigo o emprego e a competitividade das empresas". "Está a facerse unha gran demagoxia sobre este tema e son subidas (de cotizacións) manexábeis", apuntou Escrivá, que engadiu que o custo laboral medio por hora traballada no Estado español só aumentará en 37 céntimos con esta reforma.

O titular de Inclusión reprochou a servizos de estudos como o do BBVA que fixesen valoracións desta reforma a través de "cálculos apresurados e oportunistas sacados nun computador persoal nunha casa", sen coñecer as métricas da reforma e o detalle do texto, que foi traballado por equipos "moi potentes" e multidisciplinares de expertos economistas e actuarios.

Os sindicatos

Os dirixentes sindicais coincidiron con Escrivá neste punto. Así, o líder de UXT, Pepe Álvarez, denunciou que o que pretenden estas análises de diferentes servizos de estudos é "dar cobertura a sectores políticos e económicos", sobre todo ás formulacións da patronal. "Esta reforma afasta o negocio do sistema de pensións privado, que é ao que aspira o sistema financeiro do noso país desde hai anos", apuntou.

Nesta liña, o secretario xeral de CCOO, Unai Sordo, afirmou que esta clase de informes non responden só "a unha falta de rigor", senón que "se queren revestir de análises supostamente técnicas cando son análises ideolóxicas e interesadas" para non acabar co "nicho de negocio" das entidades aseguradoras.

Comentarios