Bruxelas intensifica a presión para que o Estado español reforme as pensións

O pagamento de fondos da UE depende da modificación das xubilacións
A UE urxe ao Estado a reformar as pensións antes de fin de ano (Foto: Arxina).
photo_camera A UE urxe ao Estado a reformar as pensións antes de fin de ano (Foto: Arxina).

A Comisión Europea mantivo contactos "intensos" nas últimas semanas co Goberno do Estado español sobre a reforma do sistema de pensións, que segundo dixo onte ministro estatal de Seguridade Social, José Luis Escrivá, está xa "practicamente" acordada con Bruxelas e  é unha das condicións ás que estará suxeito o desembolso dos 10.000 millóns do cuarto pago do fondo anticrise da Unión Europea (UE) que o Estado español aínda fica sen solicitar.

"Producíronse intensos intercambios nas últimas semanas en relación cos compromisos asumidos polo Estado español na Decisión de Execución do Consello sobre a sostibilidade fiscal do paquete global da reforma das pensións", indicaron fontes do Executivo da UE.

Prazos

De non cumprir cos prazos acordados con Bruxelas para sacar adiante a reforma das pensións, que é criticada por sindicatos como a CIG por aumentar o período de anos de cómputo para as retribucións por xubilación, o Estado español exponse á suspensión de parte dos fondos de recuperación da UE.

En concreto, a penalización por incumprimento de prazos abre un período de seis meses de conxelación de parte do pago.

Nese tempo, o Estado membro ten a oportunidade de completar o fito correspondente en caso de demora no seu cumprimento, o que segundo Bruxelas, "favorece a aplicación continuada do plan e dá tempo aos Estados para levantar a suspensión se cumpren a medida".

Neste sentido, o PSOE deu a coñecer que proporá a ex ministra de Sanidade María Luisa Carcedo para presidir a Comisión do Pacto de Toledo, que será previsibelmente reactivada para discutir, entre outras cuestións, a reforma das pensións.

Comentarios