Acaba, sen acordo, a reunión entre Goberno, patronal e sindicatos para a reforma das pensións

UXT e CCOO afirmaron ver "avances significativos" para o pacto e deixaron aberta a posibilidade de que se feche moi pronto.
José Luis Escrivá, ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
photo_camera José Luis Escrivá, ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

O Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, a Unión Xeral de Traballadores (UXT), Comisión Obreiras (CCOO) e a Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE) concluíron esta segunda feira unha reunión para negociar a segunda parte da reforma das pensións sen acordo.

Porén, os dous sindicatos estatais afirmaron ver "avances significativos" para o pacto e deixaron aberta a posibilidade de que se feche moi pronto. O vicesecretario xeral de Política Sindical de UXT, Fernando Luján, mostrouse optimista e dixo ver "bastante próximo" o acordo, a falta de "pequenos flocos", así como "outros asuntos que se están achegando". 

Pola súa parte, o secretario confederal de Seguridade Social e Previsión Social Complementaria de CCOO, Carlos Bravo, sinalou que se lograron "avances significativos mais non na totalidade das cuestións". Bravo avanzou que o Ministerio remitirá hoxe un novo texto e confía en "resolver nas próximas horas" as cuestións que lles afastan. Desde a CEOE, a directora de Relacións Laborais, Rosa Santos, recalcou que a patronal ve "imposíbel" chegar a un acordo, aínda que seguirán facendo achegas até "o último texto".

"Propostas concretas"

O ministro español de Seguridade Social, José Luis Escrivá, recriminou á patronal que non presentase "propostas concretas" sobre a reforma das pensións, á que a CEOE se opón. 

"Levamos esperando desde o mes de outubro propostas da patronal", sinalou o representante do Executivo español desde Bruxelas. "Eu creo que hai que estar ás duras e ás maduras e, por tanto, para facer sostíbel o sistema hai que explicitar medidas", engadiu Escrivá en referencia á necesidade de estabelecer novas formulas para o financiamento do sistema.

Comentarios