O persoal de CCOO suspende a folga indefinida que mantiña contra o sindicato

Nun comunicado, o persoal de CCOO anunciou que suspenden a folga "despois de lograr un preacordo no apartado salarial e nos puntos máis conflitivos do convenio".
Logo de Comisións Obreiras (Foto: Europa Press).
photo_camera Logo de Comisións Obreiras (Foto: Europa Press).

O cadro de persoal do sindicato Comisións Obreiras (CCOO) na Galiza anunciou esta sexta feira a suspensión da folga que viñan mantendo desde o pasado día 23 de xaneiro contra o propio sindicato.

Nun comunicado, o persoal de CCOO anunciou que suspenden a folga “despois de lograr un preacordo no apartado salarial e nos puntos máis conflitivos do convenio. Os traballadores e traballadoras do Sindicato incorporáronse aos seus postos de traballo o día 2 de marzo de 2023”.

Este preacordo, indican “desbloquea a negociación do noso convenio colectivo que aínda non rematou”.

Non obstante, destacan que “no apartado de contratación a representación do persoal segue a estar presente no control da contratación cun posto nos tribunais de selección e evítase o intento da dirección de estabelecer a contratación con discrecionalidade pola súa parte”.

Por iso sinalaron que as persoas convocantes da folga resérvanse o dereito de activar a mesma no caso de que se bloqueen de novo as negociacións do resto de convenio colectivo.

"Participación masiva"

O Comité de Folga quixo destacar a “participación masiva” do persoal labaral do Sindicato.

“Tamén queremos agradecer o apoio do resto do persoal de CCOO de todo o Estado, e dos compañeiros e compañeiras da Galiza que asistiron ás súas concentracións e manifestacións e mesmo co seu apoio económico participando na caixa de resistencia”, acrecentan.  

Comentarios