O PP veta unha proposta que instaba a cumprir acordos aprobados na Cámara

As resolucións foran apoiadas por unanimidade e non se aplicaron.
Bancada do Partido Popular no Parlamento da Galiza (Foto: Parlamento da Galiza).
photo_camera Bancada do Partido Popular na Cámara. (Foto: Parlamento da Galiza)

Unha proposición non de lei defendida pola deputada Olalla Rodil (BNG) e que instaba o Goberno galego a cumprir os acordos parlamentarios aprobados por unanimidade no seu día na Cámara para impulsar a conciliación e a corresponsabilidade foi tombada pola maioría do PP.

Rodil lembrou que en marzo de 2022 foi aprobada unha moción instando a Xunta a presentar no Parlamento antes de que rematase o ano, a avaliación do I Plan galego de conciliación e corresponsabilidade 2018-2021, xunto ao Plan de actuacións para a igualdade nos centros educativos da Galiza e o II Plan galego de conciliación e corresponsabilidade 2022-2025, así como a realizar un estudo exhaustivo en colaboración coas universidades galegas sobre corresponsabilidade na Galiza. Un ano despois "nada sabemos", lamentou a deputada nacionalista, de aí a proposición pedindo ese cumprimento, e que non prosperou polo voto negativo do PP.

O debate decorreu na comisión de Sanidade do Parlamento galego, nunha sesión en que resultou aprobada por unanimidade unha proposición non de lei do PSdeG pola que se lle exixía á Xunta que garantise a cobertura das prazas de pediatría asignadas a Verín. A deputada socialista Marina Ortega denunciou o "agravio" na asistencia sanitaria pediátrica da comarca, tras a supresión do servizo de Prematuros.

Nesa comisión aprobouse outra  proposición, esta do PP e que instaba a Xunta a mellorar a dotación de ecógrafos intelixentes en Atención Primaria. Pola contra, a proposición non de lei do BNG exixindo aumentar o número de matronas na sanidade para garantir a atención integral á saúde sexual e reprodutiva das mulleres foi rexeitada.

Comentarios