O empresariado oponse á reforma das pensións e considera o consenso coa UE "unha cesión de soberanía sen precedentes"

CEOE, Cepyme e ATA cren que a proposta de Escrivá, que cualifican de "populista", "socavará o esforzo das empresas nas negociacións salariais" cos sindicatos.
O presidente da Cepyme, Gerardo Cuervas; o da CEOE, Antonio Garamendi, e o da ATA, Lorenzo Amor. (Fotos: Europa Press)
photo_camera O presidente da Cepyme, Gerardo Cuervas; o da CEOE, Antonio Garamendi, e o da ATA, Lorenzo Amor. (Fotos: Europa Press)

As organizacións patronais CEOE, Cepyme e ATA manifestaron esta sexta feira a súa "frontal oposición" á reforma de pensións presentada polo Goberno español, ao que acusan de ter unha "voracidade recadatoria" e de expor unha proposta "populista", que "socavará o esforzo das empresas nas negociacións salariais" cos sindicatos. Esta sexta feira os representantes do empresariado e os sindicatos foron convocados polo ministro de Seguridade Social, José Luis Escrivá, para trasladarlles con certa urxencia o acordo alcanzado con Unidas Podemos e avalado por Bruxelas.

Nun comunicado, os empresarios denuncian que o sostemento do sistema de pensións "faise recaer nos traballadores e as empresas do país mediante unha subida xeneralizada de cotizacións" que, argumentan, "minguará os salarios de todos os traballadores e incrementará os custos laborais, poñendo en perigo a creación de emprego".

"A proposta que se pretende aprobar, sen prexuízo dunha análise exhaustiva do documento entregado na reunión de hoxe, é regresiva en toda a súa extensión porque implica máis anos de traballo, máis esforzo contributivo e menos pensión", inciden.

Para as organizacións empresariais, resulta "inconcibíbel" que o Executivo afronte a reforma do sistema de pensións "sen o necesario debate e diálogo social tras alcanzar un acordo con Europa nunha cesión de soberanía sen precedentes".

A proposta, aseguran as patronais de empresas e autónomos, "vulnera o necesario debate que tiña que producirse no Pacto de Toledo e non vai acompañada da análise de impacto que levamos reclamando os interlocutores sociais desde o verán".

Os empresarios quéixanse de que non se lles entregase a proposta por escrito con antelación e tivesen que vela publicada en prensa antes da reunión desta sexta feira, "e todo iso despois de meses de ausencia de diálogo por parte do Ministerio".

Ao mesmo tempo, as patronais alertan de que esta reforma do Goberno "pon en serio risco" a pequenas empresas e autónomos, pois teñen menor músculo financeiro e custos crecentes, "co consecuente efecto negativo para a creación de emprego".

Comentarios