Condenan o Sergas por "vulnerar o dereito á liberdade sindical" da UXT

A xustiza impón unha indemnización de 6.250 euros por danos e prexuízos causados ao sindicato.
O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo nunha imaxe de arquivo. (Foto: Sergas)
photo_camera O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo nunha imaxe de arquivo. (Foto: Sergas)

A UXT informou esta quinta feira dunha sentenza condenatoria ao Sergas por "vulnerar a liberdade sindical" da organización ao impedir a participación dunha persoa en representación do sindicato na Comisión central de Seguridade e Saúde.

Segundo detalla nun comunicado, a persoa representante de UXT na Comisión central de foi nomeada polo sindicato e "mesmo participou durante desde xullo de 2019 cumprindo co estabelecido no Acordo sindical que regula a composición e funcionamento da referida Comisión e non ocasionou ningunha incidencia no funcionamento da Comisión", uns feitos probados e recollidos na Sentenza do Xulgado do social de Compostela.

Ano e medio despois, o 21 de decembro de 2021, o Sergas resolveu que este representante "non podía exercer esa representación agás que estivese liberado sindical a tempo completo".

Tal e como recolle o escrito xudicial, "a sentenza declara que se cometeu unha lesión do dereito fundamental á liberdade sindical de UXT ao vetar a administración a presenza dun representante de UXT, sindicato que forma parte da Comisión Central de Seguridade e Saúde do Sergas, o que incide no dereito da UXT a súa propia e libre autoorganización interna".

O Xulgado do social conclúe "que o dereito de acción sindical de UXT-Servizos Públicos, integrante do dereito á liberdade sindical (art. 28 da Constitución española), resulta lesionado co veto do Sergas á designación do seu representante na Comisión Central".

Indemnización de 6.250 euros

A sentenza ordena o cese inmediato da prohibición de asistir ás reunións da Comisión Central de Seguridade e Saúde do representante nomeado pola UXT, e condena a Consellaría de Sanidade e o Sergas por unha conduta de vulneración da liberdade sindical.

Ademais, a xustiza aplica a imposición dunha indemnización de 6.250 euros por danos e prexuízos causados.

Porén, UXT lamenta "o dano irreparábel" provocado polo Sergas ao "impedir que un representante altamente cualificado puidese estar cumprindo coas súas funcións na Comisión Central de Seguridade e Saúde do Sergas no período de maior gravidade da pandemia" da Covid-19.

Comentarios