A Galiza fica no vagón de cola da electromobilidade

O avance na Galiza do uso do automóbil eléctrico e da infraestrutura que necesita, como os puntos de recarga, fica no vagón de cola do Estado español e da Unión Europea (UE), tanto é así que ningún dos 27 Estados que compoñen o grupo comunitario conta cun resultado peor nesta materia que o galego. Tanto a República Checa (12,9 puntos) como Hungría (13,2) e o Estado español (15,3), cos peores datos, fican por diante do índice da Galiza (11,9 puntos).
Resultados do 'Barómetro de Electromobilidade' de Anfac (Gráfico: Nós Diario / Anfac).
photo_camera Resultados do 'Barómetro de Electromobilidade' de Anfac (Gráfico: Nós Diario / Anfac).

A Galiza fica moi lonxe da media do Estado español en avance da electromobilidade e aínda máis do índice do conxunto da Unión Europea (UE), segundo os datos achegados esta terza feira polo Barómetro de Electromobilidade da Asociación Española de Fabricantes de Automóbiles e Camións (Anfac) que valora distintos apartados como a penetración do coche eléctrico e o desenvolvemento da infraestrutura de recarga.

O Estado español fechou 2022 no "vagón de cola" do barómetro tras obter 15,3 puntos (3,5 máis que en 2021), lonxe da media do conxunto da UE, que se situou en 33,7 puntos sobre 100, sete puntos máis que o ano anterior. 

Se os resultados estatais non son bos, aínda máis baixos son os da Galiza, que con 11,9 puntos, fica como terceira autonomía con menor desenvolvemento da electromobilidade, tan só por diante de Andalucía (10,4 puntos) e Murcia (11,7). Desta forma, os datos do conxunto da UE practicamente triplican os galegos, que á súa vez, fican tamén a máis de tres puntos da media do Estado español.

O índice medrou 3,1 puntos na Galiza entre 2021 e 2022, por baixo do que o fixo o conxunto do Estado español (3,5). O dato de aumento galego fica ademais en menos da metade do experimentado pola media dos Estados da UE, a pesar de ter o país moita máis marxe de mellora. 

A electrificación da UE avanza a dúas velocidades

O ritmo de desenvolvemento da electrificación en Europa está a "partirse en dous", sinalan desde Anfac, cun grupo na cabeza liderado por Estados como Alemaña (53 puntos), os Países Baixos (66,5 puntos) ou o Reino Unido (37,2 puntos) que crecen por encima da media da UE e entre os que tamén destaca o caso de Portugal (33,1 puntos). 

Sobre o caso luso, a asociación resaltou que grazas á súa fiscalidade e a unhas medidas "enfocadas en favorecer o desenvolvemento da electromobilidade" sitúase "ao mesmo ritmo que a media na UE, acelerando o seu ritmo de desenvolvemento".

Pola súa parte, a Galiza atópase ao final do vagón de cola comunitario, non só por baixo do conxunto do Estado español, senón tamén cun peor dato que os Estados da UE que saen peor parados no índice, como é o caso de Hungría (13,2 puntos) e a República Checa (12,9 puntos).

O custo de instalación dun punto de recarga privado para vehículos eléctricos aproxímase aos 1.000 euros

Alén da infraestrutura pública, outra opción son os puntos de recarga privados, cuxo custo nunha vivenda individual ou praza de garaxe comunitario [para o que se precisa o permiso do resto de persoas usuarias] aproxímase aos 1.000 euros.

Avance a ritmo lento

"Desde o sector xa advertimos de que o ritmo de electrificación está a ser moi lento. Hai oferta existente, mais tanto a demanda como o desenvolvemento de puntos de recarga públicos están a ser claramente insuficientes. Enfrontámonos a un prazo de 12 anos no que só se van a poder vender vehículos cero emisións. Se queremos que este cambio sexa unha oportunidade e non un risco real para a nosa industria e o seu emprego, é necesario acelerar e actuar desde xa mesmo", defendeu o director xeral de Anfac, José López-Tafall.

Ao seu xuízo, en 2022 non se lograron os obxectivos en canto á infraestrutura de recarga nin no relativo ao mercado para cumprir coas reducións de emisións marcadas para 2030. "A electrificación da nosa mobilidade é máis que un compromiso, é unha exixencia, e máis tras a confirmación por parte do Parlamento Europeo da prohibición [da venda] dos vehículos de combustión [de primeira man] para 2035. Mais os resultados do Barómetro de Electromobilidade de Anfac para 2022 evidencian que o nivel de exixencia requirido non está a ir acorde co nivel de medidas para facilitar esta transición", valorou.

Dúbidas desde Bruxelas

Precisamente sobre a prohibición da comercialización de novos vehículos de combustión a partir de 2035, o comisionado do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica do Vehículo Eléctrico e Conectado (Perte VEC), José María López, sinalou esta terza feira que cre que a Comisión Europea vai "reformular" o prazo deste veto, estabelecido para 2035.

"Bruxelas vai repensar esta cuestión, porque hai que analizar cal é o estado das tecnoloxías cando nos acheguemos a 2035. O que non podemos é embarcar aos usuarios estatais e da UE nun límite temporal no que non saber que facer. De feito, agora a xente non sabe que coche comprar", afirmou o comisionado do Perte VEC, quen recoñeceu que o sector da fabricación de automóbiles atravesa un momento no que hai que tomar "decisións estratéxicas" e de "calado".

O índice galego fica nos 11,9 puntos

O índice da Galiza no Barómetro de Electromobilidade realizado pola Asociación Española de Fabricantes de Automóbiles e Camións (Anfac), de 11,9 puntos, é o terceiro peor entre as autonomías do Estado español e fica a 3,4 puntos da media estatal.

Alén diso, o dato do conxunto dos Estados da Unión Europea (UE), de 33,7 puntos, case triplica o experimentado polo país. Tan só Andalucía (10,4 puntos) e Murcia (11,7) experimentan un peor resultado que a Galiza. 

Ademais, a estratexia de electromobilidade do Executivo luso, liderado por Antonio Costa, foi resaltada por Anfac. Os puntos de recarga de coche eléctrico apenas chegan a 600 na Galiza, polos case 1.300 no norte de Portugal. Por outra parte, Noruega, con capital en Oslo, é o Estado da UE que ten o maior desenvolvemento da electromobilidade.

Comentarios