4.250 millóns de euros para impulsar o coche eléctrico

Entre 1% e 1,7% do Produto Interior Bruto, ese é o cálculo do Goberno do Estado do impacto que suporá o investimento para impulsar a mobilidade eléctrica e conectada. A meirande parte do investimento está dirixido a unha convocatoria de proxectos en beneficio do sector privado.
Consello de Ministros despois da toma de posesión, onte, do novo Executivo estatal. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Consello de Ministros despois da toma de posesión do novo Executivo estatal. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

Unha “oportunidade histórica de converter a fabricación do vehículo eléctrico e conectado nun proxecto tractor que impulse o ecosistema de automoción”, así definiu Reyes Maroto, ministra de Industria, Comercio e Turismo, a aprobación no Consello de Ministros desta terza feira do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (Perte) do vehículo eléctrico e conectado.

A decisión vai ligada o investimento de 4.250 millóns de euros, incluídos nos Orzamentos Xerais do Estado de 2021 como adianto, explicou a ministra, dos fondos provenientes da Unión Europea, que en última instancia sufragarán este importe.

A meirande parte deste investimento, 3.000 millóns de euros, está dirixido a empresas do eido da automoción. A convocatoria abrirase en outubro, e xa en febreiro de 2022 serán aprobados os primeiros proxectos para que comecen a repartirse os fondos para “proxectos transformadores da cadea de valor do vehículo eléctrico”, sinalou Maroto.

A segunda parte do investimento porá o foco nas medidas complementarias para este tipo de mobilidade, co despregamento de puntos de recarga para estes vehículos, dixitalización ou as modificacións de carácter normativo precisas.

Maroto sostivo que este investimento terá “un efecto multiplicador” no sector privado, que supostamente achegará 19.700 millóns de euros neste proceso até 2023, creando 140.000 novos empregos.

Nos cálculos do Executivo prevese que en 2023 haxa 250.000 vehículos eléctricos matriculados no Estado.

Recoñecemento aos profesionais sanitarios

A ministra de Política Territorial e voceira do Goberno do Estado, Isabel Rodríguez, anunciou na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros que se acordara conceder a Gran Cruz do Mérito Civil ás e aos profesionais sanitarios que faleceran por causa da Covid-19. "A mellor homenaxe é seguir mantendo a calma, a responsabilidade e a prudencia", defendeu Rodríguez.

Os territorios recibirán 1.185 millóns de euros para Educación

O Consello de Ministros aprobou nesta terza feira a proposta do Ministerio de Educación e Formación Profesional de distribuír 1.185 millóns de euros entre os territorios do Estado, dirixidos ao investimento en política educativa, fixo público a nova ministra, Pilar Alegría.

A partida, que forma parte do Mecanismo de Recuperación, Transformación e Resiliencia, está orientada en gran medida (989 millóns de euros) á dixitalización do sistema educativo, incluíndo a compra de dispositivos portátiles, a instalación e mantemento de aulas dixitais, e a formación do profesorado neste eido.

Engádense o desembolso 40 millóns de euros para reforzo educativo, 29,6 para financiar o Programa de Unidade de Acompañamento e Orientación persoal, e case 50 millóns de euros para o financiamento de libros de texto.

Comentarios