O sector da automoción da Galiza está en mans de capital estranxeiro

O sector da automoción na Galiza facturou no pasado exercicio 11.200 millóns de euros. Porén, a maior parte dos seus beneficios non ficaron no país, pois a maioría das compañías que integran este sector son propiedade de empresas foráneas, que están aumentando a súa presenza de forma exponencial nos últimos anos.
Operario nunha empresa de automoción (Ceaga)
photo_camera Operario nunha empresa de automoción (Ceaga)

23.450 persoas traballan na Galiza no sector da automoción. O groso dos empregos localízanse na comarca de Vigo, representando 13,7% do emprego industrial do país en 2021. Neste caso, a perda de postos de traballo está a ser continuada desde o ano 2020, reducíndose en 6,1% entre esa anualidade e 2021.

As estatísticas sinalan que o conglomerado do automóbil representa 32,2% das exportacións galegas. Porén, unha parte das economistas galegas, como María do Carme García-Negro ou María Cadaval, cuestionan estes datos e apuntan que se tratan de movementos dentro dunha mesma unidade de produción con actividade en diversos Estados.

O caso de Stellantis 

Stellantis é o mascarón de proa do sector da automoción na Galiza. Emprazada en Vigo desde 1958, primeiro coa denominación de Citroën e posteriormente de PSA, a  compañía emprega actualmente arredor de 7.000 persoas, nunha factoría de pouco máis de 600.000 metros cadrados, de onde saíron o pasado exercicio 23,6% de todos os automóbiles fabricados no Estado español. 

O grupo Stellantis xurde en xaneiro de 2021 como resultado da fusión entre Fiat Chrysler Automobiles e PSA. A corporación ten a súa sede fiscal nos Países Baixos e cotiza nas bolsas de París, Milán e Nova York. Neste momento, está considerada como a cuarta compañía automobilística do mundo.

Os principais accionistas da empresa son Exor, Etablissements Peugeot Frères, Bpifrance, Dongfeng Motor Corporation e BlackRock. Exor, unha sociedade patrimonial propiedade da familia italiana Agnelli, donos e fundadores da FIAT, posúe 14,4% do capital. A mercantil Etablissements Peugeot Frères, dona de 7,20% das accións de Stellantis, pertence aos Peugeot, creadores da marca de automóbiles do mesmo nome.

5,66% do capital de Stellantis está en mans de Bpifrance, un banco público de investimentos cuxa titularidade corresponde ao Goberno francés. Dongfeng Motor Corporation é un grupo propiedade do Estado chinés, cuxo paquete de accións chega a 4,91% da automobilística. Por último, o fondo de investimento estadounidense BlackRock controla 3,75% do capital.

A situación repítese en boa parte das empresas do sector do automóbil emprazadas na comarca de Vigo. Así, GKN Driveline, a antiga Indugasa, compañía dedicada á produción de xuntas homocinéticas e transmisións para vehículos de tracción dianteira e traseira, que emprega máis de 800 persoas na súa factoría de Balaídos, é propiedade do fondo británico Melrose Industries.

A historia de Borgwarner é semellante. Nacida en 1967 como unha empresa viguesa, en 2001 adquiriuna a multinacional italiana Densa, pasando en 2010 ao grupo estadounidense Borgwarner. A compañía é o primeiro fabricante de compoñentes para o control de emisións, empregando en Vigo perto de 800 persoas.

Capital alemán

O capital alemán é propietario de tres empresas históricas do sector automóbil. A porriñesa Faurecia Interior, nada en 1985 como Lignotock S.A. e centrada na fabricación de elementos que recobren o interior dos automóbiles, pertence ao fondo Callista Private Equit. Benteler, dedicada á produción de chasis, está en mans da multinacional alemá do mesmo nome e ZF, antiga Dalphimetal, pertence á Fundación Zeppellin.

Un caso paradigmático da evolución do sector atópase en Viza Automoción. A compañía, fundada en 1945 e de capital totalmente galego, estaba especializada na fabricación de armaduras de asentos, ocupaba aproximadamente  600 persoas en Vigo e outras 700 no resto do mundo. A empresa, cunha facturación de 135 millóns en 2018, rematou absorbida nese ano pola multinacional canadiana Magna.

Comentarios