O prezo dos vehículos eléctricos de segunda man encareceu até 40%

A venda de coches eléctricos de ocasión subiu 16%.
O coche eléctrico usado medio encareceu até os 39.726 euros (Foto: Nós Diario).
photo_camera O coche eléctrico usado medio encareceu até os 39.726 euros (Foto: Nós Diario).

O prezo medio dos coches eléctricos usados fechou o ano pasado en 39.726 euros, o que representa un aumento de 40,2% na comparativa co ano anterior, como consecuencia da falta de oferta e o aumento da demanda por parte das persoas usuarias.

Segundo datos do informe ElecticarVO de Coches.net, esta cifra "vén confirmar" a tendencia de todo o ano 2022, xa que desde xaneiro todos os meses encareceuse máis de dobre díxito o prezo dos vehículos eléctricos de segunda man.

"Uns incrementos, que, en gran medida, débense á caída da oferta, que descendeu 21% xusto nun momento no que o coche eléctrico de ocasión esperta un forte interese entre os usuarios", explica o informe.

O texto apunta que o coche eléctrico de ocasión non parece verse moi afectado por un contexto de incerteza, o encarecemento da enerxía ou a crise dos semicondutores. Así, resalta que o interese polos coches eléctricos de segunda man disparouse até 50%.

Este incremento do prezo dos coches eléctricos usados estivo vinculado cunha diminución de 21% da oferta durante o ano pasado, en todos os segmentos de mercado, salvo no de entre 20.000 e 40.000 quilómetros.

No referente á idade dos vehículos, a oferta contraeuse en todas as franxas, principalmente na de seminovos, cunha baixada de 35%, e na de entre seis e dez anos, cun retroceso de 38%.

O portal que redacta o informe  apuntou que a falta de oferta marcou a tónica no mercado de ocasión, o que premeu á alza o prezo de oferta do coche eléctrico de ocasión, até situalo en case 40.000 euros de media, unha opción non asumíbel para un fogar galego medio.

Por outra parte, o documento elaborado por Coches.net pon de manifesto que en 2022 as vendas de vehículos de ocasión eléctricos no Estado español creceron 16,3%, cun volume de 11.774 unidades (10.126 unidades en 2021). O informe indica que estes vehículos "deben ser máis accesíbeis" para que poidan aportar ao proceso de descarbonización da economía.

Comentarios