A exportación de coches fica paralizada polo colapso dos portos da Unión Europea

O empresariado galego reclama desenvolver a rede ferroviaria galega para xerar novas opcións para a distribución das mercadorías.
Miles de vehículos agardan nas terminais de Vigo e O Porriño pendentes de ser exportados a terceiros Estados (Pedro Davila / Europa Press).
photo_camera Miles de vehículos agardan nas terminais de Vigo e O Porriño pendentes de ser exportados a terceiros Estados (Pedro Davila / Europa Press).

Miles de coches producidos en Stellantis Vigo atópanse en distintas terminais da comarca, tanto na propia cidade como no Porriño, pendentes de ser transportados a terceiros Estados para seren comercializados.

Esta situación de "saturación de vehículos" é consecuencia da alteración dos fluxos marítimos pola actual conxuntura que viven os operadores loxísticos, que está provocada por varios factores que afectan á súa actividade.

Desde a firma indicaron que esta circunstancia non se produce só desde esta cuarta feira, cando se desenvolveu unha folga intersindical en Francia, senón que xa se vén rexistrando desde hai días e mesmo semanas. En condicións normais, da fábrica de Vigo saen cada día 2.300 vehículos, dos que 90% teñen como destino a exportación ao mercado internacional.

A empresa tamén sinalou que esta situación non afectará á produción de vehículos nin farán ningunha parada na factoría, optando pola busca de lugares alternativos para o almacenamento de coches. 

Porén, segundo informou a empresa á representación laboral esta cuarta feira, ningunha das dúas liñas de fabricación operará nas quendas de día do próximo sábado, 22 de outubro, nin na noite do domingo seguinte por falta de aprovisionamentos. A intención, sinalou a firma, é retomar a actividade ás 6 horas da segunda feira, 24 de outubro.

Precisamente sobre este tema falou esta cuarta feira o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), Jorge Cebreiros, quen defendeu a gran necesidade do corredor ferroviario do noroeste no contexto da xornada 'Tendencias e servizos do transporte ferroviario na Galiza' organizada polo Clúster galego da loxística esta cuarta feira en Compostela. "Se tivermos un transporte ferroviario competitivo teríamos unha opción para sacar todos eses coches".

O empresario fixo estas afirmacións "A situación da Galiza ten vantaxes extraordinarias, mais é verdade que, en relación a outros territorios, os nosos produtos, para poder chegar a calquera parte do mundo a prezos competitivos, teñen que ter infraestruturas adecuadas para iso e nestes momentos non consideramos que as teñamos", remarcou.

O representante dos empresarios tamén criticou a petición do director xeral de Transporte do Estado español, Pere Navarro, que defendeu a retirada de transporte por estradas. Ante isto, preguntouse que "se nos van pór peaxes, se os túneles non teñen gálibo suficiente, entón por onde saen as nosas mercadorías".

Pola súa parte, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, tamén no contexto desta palestra, pediu ao Goberno estatal "concreción" no calendario, orzamentos e actuacións para a conexión da saída sur de Vigo a Porto. "Esperamos unha aposta clara para o corredor atlántico de mercadorías e para esa saída sur Vigo-Porto", dixo a conselleira.

Stellantis pide aranceis para os vehículos chineses

Ademais, esta cuarta feira, o director executivo de Stellantis, Carlos Tavares, pediu á Unión Europea que impoña aranceis de importación máis estritos aos fabricantes chineses para protexer ás marcas de coches do vello continente. "É moi simple: o que lle pedimos á Unión Europea é que impoña aos fabricantes chineses as mesmas condicións en Europa que nós os occidentais temos para competir en China", dixo no salón do automóbil de París.

O Perte do vehículo eléctrico será resolto "nos próximos días"

O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo publicará "nos próximos días" a resolución definitiva coas solicitudes presentadas para recibir as axudas do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (Perte) do Vehículo Eléctrico e Conectado (VEC), segundo anunciou esta cuarta feira o secretario xeral de Industria e da Pequena e Mediana Empresa do Estado español, Raúl Blanco. Unha resolución da que dependen as alegacións presentadas por Stellantis Vigo.

Pola súa parte, a Eurocámara aprobou esta cuarta feira unha directiva relativa á implantación dunha infraestrutura para os combustíbeis alternativos, que aspira a crear uns obxectivos vinculantes para todos os Estados da Unión Europea (UE) con respecto á cantidade de puntos de recarga eléctrica nas estradas do bloque.

A empresa de limpeza en Stellantis é sancionada

A Inspección de Traballo vén de confirmar tres sancións moi graves á empresa que se encarga da limpeza de contedores na fábrica de Stellantis en Vigo, Grupo Urbano Bernabé, por vulnerar o dereito de folga coa contratación de persoal mediante Empresas de Traballo Temporal (ETT) para suplir as persoas traballadoras que secundan a folga indefinida contra a precarización laboral e porque persoal está a traballar máis horas das que figuran nos contratos.

A CIG-Servizos denunciou esta cuarta feira que "mentres as 12 persoas contratadas a través de ETT para facer o traballo do persoal que secunda a folga teñen un contrato de 24 horas semanais, a Inspección puido comprobar que en dous días superaron esas horas".

Comentarios