A Galiza chegou a cultivar máis de 40% do lúpulo producido no Estado español

A Galiza chegou a cultivar máis de 40% da colleita estatal de lúpulo entre 1955 e 1959. A actividade foi abandonada en 1980; porén, unha cooperativa de Mabegondo está a recuperar unha actividade económica histórica na zona de Betanzos e na Galiza.
Recollida de lúpulo en Abegondo (comarca da Coruña) (Foto: Lutega).
photo_camera Recollida de lúpulo en Abegondo, na comarca da Coruña. (Foto: Lutega)

A Galiza é un territorio propicio para o cultivo de diversas especies vexetais, como é o caso do lúpulo. Así o demostra o feito de que no país se producira 41,4%  do total da colleita desta planta no conxunto do Estado entre 1955 e 1959, segundo os datos do Ministerio de Agricultura. Así o recolle o artigo científico publicado este mes de agosto na revista Historia Agraria baixo o título de 'O soño que non foi: O cultivo do lúpulo na Galiza, 1914-1981', de Pedro Varela-Vázquez, María del Carmen Espido Belloy e Carlos de Francisco, da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

"A mediados do século XX o cultivo do lúpulo consolidouse en determinadas zonas do noroeste peninsular, o que transformou as súas paisaxes agrícolas e facilitou o estabelecemento de factorías para o seu procesado industrial. Entre estas zonas sobresae, polo seu carácter pioneiro, a área de Betanzos", salientan os autores.
O auxe do lúpulo na Galiza chega no primeiro terzo do século XX, un momento no que aumenta o consumo de cervexa tras "experimentar un consumo e unha produción incipiente a comezos do século XIX".

"O desenvolvemento da industria cervexeira creou un mercado potencial para o cultivo e a transformación industrial do lúpulo", afirman os autores, que tamén indican que a carencia de subministracións a raíz da primeira guerra mundial fixo que empresas como Estrella Galicia apostasen polo lúpulo do país.

Betanzos concentraba a metade da produción

"Na Galiza, [case] a metade da produción de lúpulo (47,6%) concentrábase no municipio de Betanzos e unha parte significativa do resto da súa área", sinalan os autores citando un artigo de Mercedes Carbajales de 1965. "Así mesmo, o seu impacto na actividade industrial non foi nada desprezábel, posto que en 1951 entrou en funcionamento o secadoiro de lúpulo de Betanzos (ampliado en 1953 e 1957)", engade a publicación. De feito, sinalan os autores, "o primeiro vestixio de cooperativismo no sector do lúpulo no Estado español foi a creación en 1954 da Cooperativa de Produtores de Lúpulo de Betanzos".

De ser zona produtora principal á irrelevancia

No Estado español, "as principais zonas produtoras e transformadoras de lúpulo foron a Galiza e León", prosegue o artigo. Porén, engaden os autores, "a traxectoria de ambas as zonas de produción discorreu en sentidos contrapostos a partir da década de 1950". Os datos de Agricultura, que arrincan en 1955, "mostran unha senda claramente diverxente, na que a zona leonesa consolida de forma progresiva unha posición monopolística e a Galiza cae na irrelevancia a partir de mediados da década de 1960", culminan os investigadores.

"A primeira fase [da produción de lúpulo na Galiza] pode cualificarse como de emerxencia, cun crecemento anual medio acumulativo de 12,2% na segunda metade da década de 1940", explican. "Nunha segunda fase, comprendida na década de 1950 e que coincide co inicio do proceso industrial de primeira transformación do lúpulo, a produción consolidouse, crecendo 21,3% anual acumulativo. O máximo de produción alcanzouse a comezos da seguinte década, cun total de 240.000 quilos en 1963", continúan. Porén, "nesta mesma década comezou a terceira e última fase, caracterizada por un continuo declive do sector, tanto na súa perspectiva agrícola como industrial. A produción reduciuse a unha taxa de case  20% anual acumulativa entre o máximo de 1963 e 1981", sinalan os autores na publicación.

Unha cooperativa traballa na recuperación do lúpulo

"Diversos factores inherentes ao propio desenvolvemento sectorial deterioraron a rendibilidade económica e incidiron no declive, que implicou o abandono total do devandito cultivo na década de 1980", conclúe o artigo científico. Hoxe cultívanse menos de 20 hectáreas de lúpulo no país, 15 delas por parte de Lutega, unha cooperativa de Abegondo que xurdiu para colaborar nun proxecto para a recuperación do lúpulo na área de Betanzos.

Comentarios