Por que encarecen os alimentos? Quen queda cos beneficios? Así medran os prezos do campo á mesa

O Índice de Prezos en Orixe e Destino dos alimentos (IPOD), que actualiza cada mes a organización agraria COAG, recolle en febreiro deste ano prezos até nove veces máis caros para as persoas consumidoras que os que perciben gandeiros e agricultores.
O Goberno estatal fecha a porta a incluír carne e peixe na prórroga da rebaixa do IVE (Foto: Nós Diario)
photo_camera Os derivados da gandaría chegaron case a triplicarse en febreiro ao pasar 'do campo á mesa'. (Foto: Nós Diario)

Os prezos dos alimentos multiplicáronse por até máis de nove ao pasar do campo á mesa durante o pasado mes de febreiro, nun contexto marcado pola alza da inflación e pola baixada do IVE de determinados alimentos, unha baixada que, segundo denunciou Facua diante da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), non repercutiron sete cadeas de distribución.

A organización agraria COAG publica esta terza feira unha actualización, cos datos de febreiro, do seu Índice de Prezos en Orixe e Destino dos alimentos (IPOD). Deste informe despréndese que algúns produtos polos que agricultores e gandeiros perciben menos dun euro por quilogramo chegan a custar ás persoas consumidoras case dez veces máis cando os adquiren no supermercado.

É o caso, por exemplo, dos allos, pagados en orixe a 0,61 euros/kg e vendidos en destino a unha media, no conxunto do Estado español, de 5,96 euros/kg. Un prezo, polo tanto, que multiplica por 9,77 o que percibe o sector primario pola súa produción.

O dos limóns é outro caso significativo: custaban nos lineais das tendas até 615% máis que o prezo pagado aos agricultores e agricultoras no campo, é dicir, 7,15 veces por riba, ao marcar unha cotización de 0,33 euros/kg en orixe e venderse en destino a unha media de 2,36 euros/kg.

Igualmente, os plátanos revalorizáronse 6,06 veces do campo á mesa, pasando dos 0,34 euros/kg en orixe até os 2,06 euros/kg no punto de venda ao público, mentres que as olivas de mesa multiplicaron o seu prezo por 6,18, ao pasaren dun prezo de 0,91 euros/kg para o agricultor aos 5,62 euros/kg que paga o consumidor.

Botando a vista atrás con este exemplo concreto, o allo pagábase no sector primario a unha media de 0,81 euros/kg dous anos atrás, en febreiro de 2021 —20 céntimos máis que agora—; porén, custaba en destino practicamente o mesmo que o pasado mes, 5,95 euros/kg, sempre segundo os datos do IPOD. E algo semellante acontece co plátano, que daquela cotizaba no campo a 0,85 euros/kg —51 céntimos máis que o prezo actual— e en destino custaba 2,23 euros/kg —17 céntimos máis que en febreiro deste ano—. En casos como este, medran as marxes de beneficio das distribuidoras á custa do agro.

En xeral, os produtos agrícolas multiplicaron ao remate do pasado mes o seu prezo por 3,87 desde a cotización no campo até o prezo de venda ao público nos lineais, mentres que os derivados da gandaría —polo, porco, tenreira, coello ou ovos— fixérono por 2,87. En concreto, o prezo do quilogramo de tenreira pasou de 5,46 euros en orixe a 19,88 euros por quilo nos puntos de venda ao consumidor, o que se traduce nun incremento de 264%.

Con base nestes datos, o IPOD de produtos agrarios e gandeiros publicado por COAG situouse durante o mes de febreiro en 3,66 puntos de media. As persoas consumidoras, pois, pagaron un prezo case catro veces superior ao importe percibido por gandeiros e agricultores.

Comentarios