Profesionais da agricultura e da gandaría terán unha bonificación de 25% no IRPF

Facenda compensa o sector primario polos efectos da inflación e da seca.
As explotacións apícolas poderán acceder a bonificación no IRPF de 50% (Imaxe: Rosa Veiga E.P.)
photo_camera As explotacións apícolas poderán acceder a unha bonificación no IRPF de 50% (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).

O Ministerio español de Facenda publicou esta terza feira unha orde no Boletín Oficial do Estado (BOE) pola que se estabelece unha redución xeral do rendemento neto de 25% no Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) que beneficiará a profesionais da agricultura e da gandaría que tributan por módulos.

En concreto, esta orde recolle a proposta do Ministerio español de Agricultura de minoración dos devanditos índices e ten en conta a incidencia da seca e outras circunstancias excepcionais que afectaron á rendibilidade de moitas explotacións agrícolas e gandeiras durante o ano 2022, que causaron un encarecemento dos custos de produción.

Ademais da rebaixa de 25% en xeral a profesionais da agricultura e da gandaría, grupos específicos destes dous sectores que se atopan nunha situación máis vulnerábel beneficiaranse de reducións específicas.

Desta forma, na apicultura e na explotación das oliveiras e das amendoeiras, a redución ascenderá a 50%, mentres que será de 30% para cereais, oleaxinosas e leguminosas, así como no caso da produción de castiñeiros, pexegos, pavías e albaricoques e no do conxunto das explotacións gandeiras.

Estimación obxectiva

A orde permite que profesionais declarantes por estimación obxectiva agraria do IRPF poidan minorar o rendemento neto previo 35% por adquisición de gasóleo agrícola e 15% por compra de fertilizantes.

Alén das novas medidas, tamén se manteñen as reducións dos índices correctores do ano pasado por pensos adquiridos a terceiros e por cultivos en terras de regadío que usen enerxía eléctrica.

Ao respecto, o Goberno do Estado español estimou que as reducións contempladas nesta orde supoñen unha rebaixa da base impoñíbel da orde de 43,7 millóns de euros na Galiza.

Comentarios