A fusión nuclear non terá un emprego práctico até polo menos o ano 2040

O avance non chegaría a tempo para combater o quecemento global.
Instalacións do Laboratorio Lawrence Livermore, en California, nos EUA (Foto: Lawrence Livermore).
photo_camera Instalacións do Laboratorio Lawrence Livermore, en California, nos EUA (Foto: Lawrence Livermore).

O anuncio dos Estados Unidos de América (EUA) sobre a ganancia neta de enerxía nunha reacción de fusión nuclear é un evento científico histórico que culminou décadas de investigación.

Os expertos do Laboratorio Lawrence Livermore obtiveron 3,15 megaxulios de enerxía ao investir 2,05 megaxulios no láser que activou o plasma a través do proceso denominado confinamento inercial. Así, conseguiuse unha ganancia de 150%.

Porén, "este é un logro científico non práctico", dixo á CNBC Omar A. Hurricane, científico xefe de Lawrence Livermore. De feito, os expertos opinan que pasarán moitos anos até que a tecnoloxía de fusión nuclear xere enerxía para a rede eléctrica e deberán sobrevir moitos avances técnicos e investimentos antes de alcanzar esta meta.

Pravesh Patel, ex científico de Lawrence Livermore, espera ver unha ganancia de enerxía de 400 ou 500% no equipo de Lawrence Livermore, mais opina que se requirirá unha ganancia de aproximadamente 10.000% para o uso comercial da fusión con láser.

"Iso requirirá avances nos chamados 'conceptos avanzados', como o aceso rápido ou o aceso por choque, que están deseñados para unha alta ganancia. Eses conceptos requiren que se constrúan novas instalacións, polo que un grande avance levará até a máis alá desta década", explicou Patel.

A tempo para combater o quecemento global?

A maior crítica que recibe a fusión nuclear na actualidade é que tardará demasiado en estar dispoñíbel para ser útil contra o cambio climático. Segundo Live Science, non é probábel que os primeiros reactores de fusión economicamente viábeis poidan entrar en funcionamento práctico antes de 2040.

Iso significa que, segundo estas previsións, os reactores estarán dispoñíbeis como mínimo dez anos máis tarde da data fixada para lograr a meta de manter o quecemento global por baixo de 1,5 graos Celsius.

Comentarios