Organizacións internacionais alertan dos efectos da resistencia aos antimicrobianos

A quinta feira rematou a Semana mundial de concienciación sobre a resistencia aos antimicrobianos, na que múltiples entidades reclamaron sensibilización e accións concretas para mitigar esta problemática.
Para previr a resistencia aos antimicrobianos é imprescindíbel un tratamento axeitado das augas residuais ou dos residuos agrícolas. (Foto: Andrzej Tokarski)
photo_camera Para previr a resistencia aos antimicrobianos é imprescindíbel un tratamento axeitado das augas residuais ou dos residuos agrícolas. (Foto: Andrzej Tokarski)

Arredor de cinco millóns de persoas morren cada ano no planeta, recolle un estudo publicado na revista científica The Lancet, pola resistencia aos antimicrobianos, medicamentos como os antibióticos dedicados a acabar ou deter o crecemento de determinados microorganismos.

O “uso indebido e excesivo destas substancias en humanos, animais e plantas está a acelerar o desenvolvemento e a propagación” desta resistencia en todo o mundo, alerta a Organización Mundial de Sanidade Animal (OMSA), unha das entidades xunta a Organización das Nacións Unidas (ONU) para a Agricultura e a Alimentación, FAO, o Programa da ONU para o Medio Ambiente, Pnuma, e a Organización Mundial da Saúde, OMS, que convocan a Semana mundial de concienciación sobre o uso dos antimicrobianos que rematou a quinta feira.

O colofón a unha ducia de actos é a III Conferencia Ministerial de Alto Nivel sobre a resistencia aos antimicrobianos en Mascate, no Sultanato de Omán, a quinta e sexta feira. Na cimeira están presentes ministras e ministros de Sanidade, Agricultura, Sanidade Animal, Medio Ambiente e Facenda onda representantes do sector privado e da sociedade civil.

Ademais, desenvolvéronse seminarios, conferencias de sensibilización e até un cumio mundial da mocidade que capacita os estudantes de saúde de todo o mundo arredor desta temática e baixo o lema “Antimicrobianos, manéxaos con coidado”.

A resistencia aos antimicrobianos propágase, amais de aplicando medicación excesiva, por medio da súa eliminación en váteres, contedores ou vertedoiros non específicos para tratar estes produtos, co que acaba no ecosistema. "A contaminación inducida polo ser humano aumenta a resistencia aos antimicrobianos no medio ambiente", subliña OMSA.

Perda de eficacia

Cando xeran resistencia aos fármacos as bacterias, virus, fungos e parasitos, os medicamentos que utilizamos para combatelos perden eficacia, o que dificulta ou até imposibilita tratar as infeccións, incrementando o “risco de propagación de doenzas, de aparición de formas graves de doenzas e da morte”, e converténdose nunha “das maiores ameazas para a saúde mundial, a seguridade alimentaria e o desenvolvemento”.

Así como as mortes asociadas a este fenómeno, tamén produce perdas económicas. As entidades organizadoras estiman que cun impacto elevado desta resistencia o produto interior bruto (PIB) mundial en 2050 caerá 3,8%.

Só na próxima década, o déficit no PIB provocado polo incremento desta resistencia alcanzaría 3.400 millóns de euros anuais, levando a extrema pobreza 24 millóns de persoas máis. Ao tempo, afecta a produción de novos medicamentos, que, no caso dos antibióticos, requiren entre 10 e 15 anos antes de saír ao mercado, cun custo aproximado de 1.000 millóns de euros.

Para combater estes datos, as organizacións internacionais consideran imprescindíbel tratar axeitadamente os fluxos de residuos municipais, agrícolas e industriais. Aínda así, tamén sinalan que a limpeza nas zonas nas que se cociña, e nas mans á hora de preparar alimentos, “axuda a previr a propagación de microbios farmacorresistentes”.

Marco estratéxico para alcanzar "unha soa saúde"

Un dos obstáculos para abordar esta situación é a implicación económica destas mercadorías. A FAO destaca que nos animais úsanse 27 clases diferentes de antimicrobianos, nun mercado que move máis de 21.000 millóns de euros. Segundo defenden, tratar a resistencia aos antimicrobianos precisa dunha visión integral, polo que desenvolveron o marco estratéxico "unha soa saúde".

Neste programa, ofrécese financiamento e asistencia aos Gobernos estatais para deseñar plans de acción, que inclúen apoio normativo e xurídico harmonizado coas regulacións internacionais, e priman a coordinación intersectorial. Estas entidades alertan que, polo de agora, "moi poucos países dotáronse dos recursos axeitados, un reflexo da baixa prioridade" que outorgan á resistencia aos antimicrobianos.

Comentarios