A Lei da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación entra en vigor esta cuarta feira após a súa publicación no día de onte no Boletín Oficial do Estado (BOE). Entre outras medidas, o texto garante un financiamento da I+D+i estábel e crecente para achegarse ao nivel dos países da Unión Europea e alcanzar así o 1,25% do PIB en investimento público para 2030.
A futura lei recolle un itinerario postdoutoral de "incorporación estábel ao sistema". Así, para os postdoutorais que queiran acceder ao sistema, a duración do contrato será de entre 3 e 6 anos, con prórrogas de, polo menos, un ano. A nova lei fixa que as situacións de "incapacidade temporal, nacemento, adopción, garda con fins de adopción, acollemento, risco durante o embarazo ou risco durante a lactación, violencia de xénero ou terrorista", interromperán o cómputo do prazo límite de duración do contrato, así como da súa avaliación.
Segundo este novo modelo de contrato, o persoal investigador con contrato postdoutoral en universidades públicas, Organismos Públicos de Investigación (OPI), fundacións ou consorcios públicos, poderá optar a unha avaliación da actividade investigadora a partir da finalización do segundo ano de contrato, co obxecto de conseguir a estabilización. Tras superar dita avaliación, o persoal investigador obterá unha certificación como "investigador estabelecido", que ademais suporá melloras salariais.
Ademais, aprobar esta proba eximiralles de realizar partes das probas para acceder ao sistema público, e reservaráselles un mínimo de 15% da taxa de reposición para este tipo de contratos nas Ofertas Públicas de Emprego (OPE) nas universidades e de 25% nos OPI.
Aprobación da lei
A mediados do pasado mes de xullo, o pleno do Senado non puido aprobar de maneira definitiva o proxecto de reforma da Lei da Ciencia, Tecnoloxía e Innovación, debido a que se aprobou unha das emendas rexistradas polo PP, cos votos a favor de ERC, Junts, PNV, UPN e Vox.
En concreto, a emenda aprobada á Lei da Ciencia rexistrada polos populares foi a número 76, que insta á supresión da disposición adicional décima da lei, que fai referencia aos contratos que se atopen asociados á estrita execución do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e só polo tempo necesario para a execución dos citados proxectos, así como para contratos necesarios para a execución de programas de carácter temporal cuxa financiamento dependa de fondos europeos non competitivos.
Finalmente, e tras a presión de colectivos de investigadoras e formacións políticas como o BNG, esta emenda 76 foi rexeitada na votación do Congreso. Todo despois de que o PSOE negociase con ERC para que mudase o seu voto a cambio dun reforzo nas condicións laborais e de financiamento dos centros públicos da I+D+i.
Postura do BNG
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, lamentou a "oportunidade perdida" para avanzar no fortalecemento do sector científico durante o debate no Congreso da nova Lei de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación. Rego subliñou que se trataba dunha ocasión perfecta para impulsar "unha ciencia para toda a sociedade e unha ciencia con dereitos".
Con máis de trinta emendas rexistradas pola organización nacionalista, Rego procuraba "defender as competencias galegas nesta materia, garantir o retorno social do investimento, incrementar o financiamento, reducir a fenda de xénero, a inclusión do persoal técnico e eliminar a taxa de reposición de efectivos".
"No BNG entendemos que sen ciencia non hai futuro e que, polo tanto, esta lei era unha oportunidade para avanzar e impulsar unha ciencia para toda a sociedade mais tamén para construír unha ciencia con dereitos" explicou o deputado nacionalista.
👩🔬A nova Lei de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación debe ser máis ambiciosa. As propostas do @obloque buscan garantir:
— BNG Congreso (@bngcongreso) June 9, 2022
➡️Competencias galegas
➡️Retorno social do investimento
➡️Eliminar a temporalidade e precariedade
➡️Financiamento dos proxectos
➡️Igualdade real
🏛@NestorRego pic.twitter.com/pqDBxM9N6C
Néstor Rego anunciou a abstención do BNG na aprobación da nova Lei de Ciencia, xa que, se ben a consideraba "necesaria", o feito de que as emendas nacionalistas fosen rexeitadas na súa maioría impediu que o texto final se axeitase ás pretensións da formación política.